O presidente da Comisión Europea, José Manuel Durão Barroso, cre que en breve os británicos poderían dar o paso de abandonar a libra esterlina en favor do euro como moeda.
"Sei que aínda é maioritaria a oposición, pero hai en marcha un período de consideración e existen persoas competentes que están cavilando na situación", expuxo o presidente da Comisión Europea nunha entrevista cunha cadea francesa. Segundo Durão Barroso, algúns políticos británicos dos que non quixo citar o nome expresáronlle en privado que se o Reino Unido tivese o euro a economía iría "mellor".
O ex primeiro ministro portugués analizou que no contexto económico actual, o debate sobre a viraxe británica cara ao euro vaise acelerar, malia que admitiu que o abandono da libra non se producirá a curto prazo. Así o subliñaron tamén desde o goberno británico, onde saíndo ao paso das declaracións de Barroso, desde Downing Street apresuráronse a asegurar que a posición sobre o euro permanece igual.