O executivo do PP aceptou en 2002 unha petición formal dos Estados Unidos para o uso de aeroportos estatais, segundo un informe ao que tivo acceso o diario El Pais.
O documento que agora se coñece expón que o goberno español, liderado daquela por José María Aznar, tivo coñecemento dos avións estadounidenses que fixeron escala en aeroportos do Estado Español levando presos presuntamente talibáns e da rede al-Qaeda desde Afganistán até a base de Guantánamo, en Cuba.
O informe que agora fai público o diario El País estaba clasificado como "moi secreto" e ten data do 10 de xaneiro de 2002. Foi redactado por quen naquel momento era director xeral de Política Exterior para América do Norte, Miguel Aguirre de Cárcer, e estaba dirixido ao ministro de Exteriores, Josep Piqué, e o secretario de Estado, Miquel Nadal.
Na solicitude do goberno estadounidense exponse que a intención era realizar os traslados en voos de longo alcance, pero solicítase a autorización do goberno español para o caso de que fose necesario a utilización dalgún aeroporto estatal. Argumenta a petición dos EUA que se tratará de "escalas de tempo mínimo". Tal e como lles contamos no seu día, segundo a investigación realizada polo Parlamento Europeo, entre os aeroportos usados pola axencia de espionaxe estadounidense, a CIA, estivo o vigués de Peinador.