Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CRÓNICA DENDE BOS AIRES

Foise Dionisia López Amado, a Nai da Praza de Maio galega

O seu fillo, Antonio, leva desaparecido dende maio de 1976.

Débora Campos - 19:16 30/11/2008

Dionisia López Amado, integrante galega das Nais da Praza de Maio, faleceu este sábado ás 19 horas como consecuencia dunha peritonite que se complicou con outras doenzas, logo dunha longa vida de loita polos dereitos humanos na procura do seu fillo Antonio que foi secuestrado e desaparecido polo exército arxentino no mes de maio do ano 1976.

Os seus compañeiros da Comisión pola Memoria, a Verdade e a Xustiza de Zona Norte comunicaron a triste nova: "Dionisia López Amado partiu a reunirse cos seus queridos Antonio e Stella. Deixounos como despedida a súa presenza constante na Comisión pola Memoria, a Verdade e a Xustiza da Zona Norte, da que é Presidenta Honoraria, nas súas últimas actividades, coa súa enerxía, entusiasmo, coraxe e determinación militante. Foise tranquila coa conciencia do deber cumprido, co agarimo da súa familia que lle deu a alegría dos netos e unha bisneta, aínda que non tivo xustiza para o seu fillo e a súa nora, soubo por innumerables bocas que non haberá volta atrás, que as Nais e Avóas, os Familiares, Fillos e Irmáns non deixarán que esa páxina cruel da nosa historia quede no esquecemento".

Natural de Cedeira, nacera no ano 1928 e chegou á Arxentina co seu home e o fillo de cinco meses no ano 1952 polo medo dunha posible terceira guerra mundial no continente europeu. Vintecatro anos despois non foi a guerra a que lle quitou ao fillo senón unha dictadura xenocida que se espallou pola Arxentina e -con outras formas, todas parecidas- polo continente todo.

"Ás once e media da noite chegaron á casa do meu fillo camións do Exército repletos de soldados. Golpearon a porta. ¡Abran, carajo, es la policía! Non lles deron tempo a abrir. Metrallaron a porta. Colleron ao meu fillo e á miña nora en camisón e descalza.Tapáronlles a boca e atáronos con arames. Botaron un colchón nun camión e tumbáronos. Leváronos aos cuarteis de campo de Mayo. O meu fillo tiña unha ideoloxía, pero non tiña que ver coa guerrilla. Aínda que preferiría que morrese por loitar no que cría", narrou Dionisia diante do xuíz Baltasar Garzón sobre a desaparición do seu fillo Antonio Díaz López e a súa dona Stella Maris na noite do 15 de maio do ano 1976.

Puido quedar na casa, chorando a sua dor. Pero non o fixo. Lembraba diante dos medios galegos hai dous anos: "Algunhas nais quedaron na casa chorando, eu levei a miña loita á rúa. Houbo nais que descargaron no odio, eu descarguei coa loita". Dionisia foi integrante das Nais da Praza de Maio -entre as que era coñecida como "a galega da zona norte"- e ademáis foi fundadora da Comisión de Familiares de Desaparecidos Españoles, e presidenta honoraria da Comisión pola Memoria, a Verdade e a Xustiza de Zona Norte.

"Non sinto odio porque o odio non deixa pensar, nin razonar nin amar e eu quero darlles moito amor aos meus netos e á miña bisneta", dicía. Unha muller, un exemplo.


5/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: