Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
'NO LOMBO DO ATLÁNTICO'

Velaquí os contos escritos con sal

Suso de Toro e Xosé Vázquez Pintor protagonizaron presentación do libro que recolle os relatos publicados este verán, co apoio da Consellaría de Pesca.

Marcos S. Pérez (texto) / Isabel G. Couso (vídeo) - 10:45 29/11/2008

O barco chegou a porto. Doce semanas, doce relatos con sabor a sal, deitados como a costa galega no lombo do Atlántico. A conselleira de Pesca Carme Gallego, o editor de Vieiros Lois Rodríguez, e Suso de Toro presentaron este venres o resultado final de 'No Lombo do Atlántico'. A vindeira semana poderá descargarse libremente, en pdf, o libro que recolle os doce relatos mariñeiros. Por este océano electrónico navegaron autores como Alexandre Nerium, Luísa Castro, Marta Dacosta, Xosé Neira Vilas, Xurxo Souto, Pilar Beiro, Rexina Vega, Xabier Paz, Francisco Fernández Naval, Xosé Vázquez Pintor, Agustín Fernández Paz ou o propio Suso de Toro.

A iniciativa de Vieiros tivo unha moi boa acollida entre os lectores, cunha media de visitas semanais para cada relato de máis de quince mil usuarios, tendo en conta que no verán baixa o nivel de uso da rede. E foi ben recibida igualmente no mundo da cultura galega. En palabras de Lois Rodríguez, "quíxose provocar os escritores. Chegamos á conclusión que se ben o mar fóra moi importante non inicios da literatura galega, nas cantigas, por exemplo, despois volveuse cara ao anterior, volveuse unha literatura de 'ríos, fonte e arboredas', se cadra só con Manuel Antonio volveu acadar ese protagonismo".

Suso de Toro salientou a importancia da iniciativa: "é a primeira vez que unha consellería do mundo da produción económica dá un paso cara á sociedade, saíndo do seu territorio, cara á cultura". De Toro destacou que existan estas ligazóns entre distintos sectores da sociedade, e que se considere a cultura algo máis ca un adorno, un sector que tamén produce para a sociedade. Segundo Carme Gallego, tratouse dunha "iniciativa moi imbricada na política da consellaría de apoiar a recuperación do patrimonio material e inmaterial relacionado co mar".

"Os nosos avós viaxaba a a Bos Aires ou a Nova York, outra cousa é que non fosen a Madrid"
Así mesmo, De Toro falou sobre a importancia do mar para literatura galega, e como vía de contacto de Galiza co resto do mundo, sen pasar por Madrid: "A Galiza foi insular durante moito tempo, separados de Portugal por unha fronteira moi ríxida, e separados fisicamente da meseta; estabamos encerrados non sendo polo mar. Por iso Galiza sempre foi marítima. Pero na literatura galega non temos o equivalente das novelas de navegación, como poden ser as de Conrad, cousas como esas non a hai. Ora ben, o que si tivo sempre a literatura galega é que estivo aberta ao seu tempo, contrariamente á idea de que Galiza era un país atrasado. Os nosos avós todos viaxaba a La Habana, a Bos Aires, a Nova York, a Brasil, outra cousa é que non fosen a Madrid. Pero ben, non hai por que ir a provincias cando se pode ir a capitais".

Tamén se referiu á catástrofe do Prestige, inevitabel referencia á hora de falar da relación de Galiza co mar: "A Galiza refundouse despois da catástrofe do Prestige; a todos nos afectou e isto revolveu o país. Os galegos sempre falamos da terra, e hoxendía cando falamos da terra todos temos na cabeza tamén o mar". Porén, De Toro non considera que o Prestige influíse moito no contido das obras publicadas en Galiza nos últimos anos: "O vivido ao redor do Prestige, e a implicación persoal que tiveron os escritores galegos, máis que estar presente nos textos actuais, afectoulles a eles en saberen cal era o seu papel na sociedade. Replantexou dun modo novo, inesperado, o papel do artista na sociedade. Afectoulles máis como intelectuais, non creo que lles afectase na produción. Pero se o pensas, non pode afectar dun xeito determinante, porque cada autor aliméntase de si mesmo; un autor fala das súas teimas, e as cousas que acontecen fóra que podes introducir de esguello, pero non pode determinar o rumbo dunha obra, non pode ser cualitativo".

"A literatura ten unha débeda histórica co mar"
Pola súa banda, Xosé Vázquez Pintor quixo valorar a riqueza léxica e toponímica da costa galega: "A literatura ten unha débeda histórica, sobre todo no ámbito da narrativa, co mar. Ás veces esquecemos o léxico do mar, esa riqueza que seguramente supera ao do interior, sobre todo grazas ás súa variante lingüísticas. E temos que conservalo, porque están morrendo os vellos, e se desaparecen eles, que son os que sabían eses xiros tan bonitos, que ademais son eufónicos".


Ligazóns

4,33/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Lois Rodríguez, Carmen Gallego e Suso de Toro, este venres na presentación
Lois Rodríguez, Carmen Gallego e Suso de Toro, este venres na presentación