Estamos a tomar medidas para garantir a libre participación dos usuarios de Vieiros.
Como moitos dos nosos lectores e lectoras saberán, dende hai algún tempo, un usuario está a levar a cabo unha campaña de boicot ao sistema de comentarios de Vieiros. Nun primeiro momento comezou a insertar spam nos comentarios, copiando e pegando as mesmas mensaxes en todas as novas. Posteriormente dedicouse a crear un número elevado de contas diferentes, mesmo con distintas personalidades, para iniciar un diálogo consigo mesmo, rebentando as conversas e saíndose do tema da información.
Vieiros identificou este usuario, que actúa dende Portugal, e está a tomar medidas para evitar o uso fraudulento do sistema de participación, que rematou mesmo coa manipulación dos votos, outorgándolles máis dunha ducia de valoracións positivas aos comentarios propios e negativas a todo aquel que o criticase. Como esta actitude está a impedir o libre intercambio de comentarios, esta redacción dedicouse a purgar todas as interferencias causadas por esas contas de usuario, suprimíndoas.
En ningún caso Vieiros está a practicar a censura contra ningún tipo de ideoloxía, como ese mesmo usuario está a afirmar, senón que só tentamos evitar que unha persoa siga impedindo, precisamente, que os usuarios desta web expresen as súas ideas e opinións. De feito, moitos lectores enviaron mensaxes protestando contra a actitude dese individuo, que actúa con diferentes nomes e enderezos IP para burlar as medidas de seguridade aplicadas para evitar ese tipo de usos fraudulentos.
Esta redacción seguirá a tomar as medidas oportunas para evitar que se siga a manipular o sistema de participación de Vieiros, polo que lles pedimos comprensión. Tamén solicitamos a colaboración da comunidade de lectores para contrarrestar as accións deste individuo e valoraremos as suxestións e achegas que nos queiran facer arredor do sistema de comentarios, que implementamos coa única intención de fomentar a participación e o libre intercambio de ideas.