Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
responsábel, xusto e sustentábel

Verdegaia presenta a súa campaña Consomes ou Devoras?

Verdegaia presentou hoxe en rolda de prensa a súa campaña Consomes ou Devoras? centrada no consumo responsábel, xusto e sustentábel. Esta campaña terá un carácter estábel e permanente, sustentada na información e a denuncia máis tamén no activismo, aportando alternativas e solucións a un modelo económico e de consumo que os últimos acontecementos só veñen a confirmar como irracional e suicida.

Verdegaia - 16:42 26/11/2008
Tags:

O consumo responsábel non é a "solución total" a esta situación mais si unha ferramenta importante. Verdegaia naceu apostando por contribuír para avanzar na transformación social e mundial en termos de sustentabilidade ecolóxica, xustiza social e paz, e nesta misión ten moito que dicer o consumo responsábel, tanto á hora de denunciar o destrutivo sistema do que facemos parte como para procurar e construír alternativas que nos permitan superalo. O consumo responsábel é parte indispensábel do traballo de procura dunha saída emancipatoria á crise ecolóxica global (e á enerxética, financeira, alimentar...).

Por iso Consomes ou Devoras? aspira a ser lugar de encontro para persoas e organizacións que, ademais de procurar contribuír para o avanzo da sustentabilidade ecolóxica e a xustiza social cos seus hábitos privados, acreditan na necesidade de promover unha transformación social e mundial, económica e política, nese mesmo sentido. Por iso en Consomes ou Devoras? conflúen análise, sensibilización e presión/mobilización, mais tamén desenvolvimento de alternativas e apoio ás xa existentes.

A campaña Consomes ou Devoras? artéllase arredor dunha Guía de Consumo Responsábel. A Guía é unha ferramenta para a reflexión e a acción, unha fonte de información para calquera persoa interesada nunhas instrucións básicas, unhas coordenadas para se orientar á hora de consumir. A guía non foi pensada e redactada como algo isolado, fai parte dunha campaña e ten un importante complemento: un sitio web impulsado por Verdegaia diferente do propio web da asociación, un web dedicado só ao consumo responsábel (www.consomesoudevoras.info). Era necesario non só para ofrecer consellos concretos ou para procurar esclarecer dúbidas, non só para achegar información actualizada... senón para facer movimento, para fomentar a participación, e para xerar sinerxías con outras iniciativas que xa se están a desenvolver.

Outra faciana desta campaña son os mercadiños de troco que Verdegaia comezou a desenvolver no 2006 e que hoxe ten en marcha xunto con outros colectivos en Vigo (Vigotroca), en Compostela e puntualmente en Ourense e Ferrol. Neste senso compre denunciar actitudes absolutamente incomprensíbeis por parte da administración municipal de Compostela e Vigo, coas que a primeira prohibiu, da man do Concelleiro Carlos Nieves a celebración da Feira do Troco mensual de Verdegaia na Praza de Mazarelos por considerar que era venda ambulante, e a segunda ven de impoñer unha taxa sobre calquera actividade de rúa, sexa do tipo que sexa.

En definitiva, denunciar e construír, aportar o que está na nosa mao para podermos viver sen destruír o planeta e o futuro... e facelo sabendo que non somos os únicos a traballar nisto nen muito menos, que cumpre xerar sinerxías, que xa hai iniciativas en marcha que é necesario difundir e reforzar, que debemos sumar xente, ideas e esforzos favorecendo a tan necesaria autoorganización cidadá...

Porque o consumo responsábel non é só un mercadillo de troco, nen só unha compilación máis ou menos completa de "eco-consellos", cando menos non para Verdegaia. O consumo responsábel é parte do exercicio dunha cidadanía responsábel e non se debe limitar ao ámbito persoal e privado senón que se debe organizar colectivamente e transcender publicamente.


3/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: