Federico Fernández Ackermann, un dos grandes fotógrafos latinoamericanos actuais, e participante no secuestro do Santa María, presenta esta semana en Galiza unha escolma de imaxes.
Ackermann, quen foi Premio Nacional de Fotografía en Venezuela en 1995, estará este xoves na sede da Confederación Intersindical Galega (CIG) en Lugo, con motivo das Xornadas de sensibilización verbo o feito migratorio e o retorno. Aló poderá verse unha escolma do seu traballo, baixo o título "Latinoamérica no obxectivo dun fillo do exilio. 1968-1998". Ademais, tamén presentará o seu libro Nicaragua tiempos de guerra, peneira do seu traballo fotográfico durante a estadía naquel país fotografando a guerra entre o goberno sandinista nicaragüano e a “Contra” financiada polos Estados Unidos de Ronald Reagan nos anos 80.
Federico Fernández Ackermann acumula unha longa e diversa traxectoria vital. Naceu en Francia durante o exilio de seu pai, o comunista e comandante guerrilleiro José Fernández Vázquez, (comandante Soutomaior). A súa nai era Margarita Ackermann Von Haag, cidadá alemá residente en París que perdeu a súa nacionalidade, en tempos dos nazis, por casar cun estranxeiro. O matrimonio e os dous fillos marchan a Venezuela en 1948. O comandante Soutomaior e Xosé Velo fundan e dirixen en Venezuela o Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL), do que formarán parte tanto Federico coma o fillo de Velo, Vítor. Federico participa no secuestro do Santa Maria en 1961. Estivo despois no Brasil, Cuba e Checoslovaquia. Com Paul del Río participou no secuestro do mercante venezuelano Anzoátegui foi detido despois nun campamento guerrilleiro en Venezuela.
Unha vez libre dedica a súa vida á fotografía e abandona o fúsil pola cámara. Na actualidade, a súa obra está presente nas principais coleccións particulares e públicas europeas e estadounidenses.