Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
13 DE DECEMBRO EN PONTEVEDRA

Volve Cantos na Maré, todo é navegar

Participarán Paulinho Moska (Brasil), Sérgio Godinho (Portugal), Sara Tavares (Cabo Verde), Waldemar Bastos (Angola) e Xabier Díaz (Galiza).

Redacción - 12:00 26/11/2008

Chega a cita anual con Cantos na Maré, a semana de concertos, encontros e debates que dende as rúas de Pontevedra procura deitar ligazóns entre as culturas lusófonas do mundo, de Brasil a África, pasando por Galiza e Portugal. Cantos na Maré naceu sendo un encontro musical, aínda que ao seu redor foi fíando unha serie de actividades máis diversas, nas que tamén o audiovisual ten o seu protagonismo, e no que cada ano colle unha maior importancia o contacto entre creadores e promotores e distribuidores, co obxectivo de fortalecer a industria cultural dos países participantes. E coa intención de posibilitar a circulación de todos os artistas lusófonos polo mercado que se abre entre Pontevedra, Salvador de Baía e Luanda, en ambas as dúas beiras do Atlántico, en tres continentes e unha lingua común.

Con todo, a música, os concertos, seguen sendo o centro de Cantos, que este ano terá o seu día grande o sábado 13 de decembro. O Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá a partir das nove da noite un concerto que xuntará, baixo a dirección artística de Uxía e Paulo Borges a Paulinho Moska, Sérgio Godinho, Sara Tavares, Waldemar Bastos e Xabier Díaz. A banda que os acompañará está formada por Jon Luz (Cavaquinho), Quiné (Batería/percusión), Joao Ferreira (Percusión), Rubén Santos (Trombón), Paulo Temeroso (Clarinete, saxo, frauta), Nortos Daiello (Baixo) e Guillermo Fernández (Guitarra). As entradas teñen un prezo entre 10 e 12 euros e poderán adquirirse a partir do 3 de decembro.

Paulinho Moska
Actor de cine e teatro, fotógrafo, músico e compositor, Moska destaca polas súas baladas pop electrónicas en liña melancólica, a través das cales ofrece unha moderna relectura da rica tradición da bossa nova. 'Tudo novo de novo', é o seu sétimo álbum como solista, unindo novamente as súas dúas grandes referencias musicais: o rock e a MPB (Música Popular Brasileira), que constitúe a súa formación. Moska identifícase co insecto cuxo nome tomou como marca artística: "Eu tamén teño unha visión ampla e voo sen un destino concreto, decidindo sobre a marcha onde vou".

Sérgio Godinho
Con 33 anos de carreira e 23 discos publicados (16 álbums de originais) Godinho é, sen dúbida, un dos artistas máis importantes na escena musical portuguesa. Godinho é ademais actor, con múltiplas participacións en filmes, pezas teatrais, series e pezas televisivas. Xa en 1971 colabora no primeiro álbum en solitario de José Mário Branco, Mudam-se os tempos mudam-se as vontades, gravando nese mesmo ano na Francia o seu propio primeiro LP en solitario: Os sobreviventes, e ao ano seguinte o segundo: Pré-histórias (1972). Ainda que constantemente censurados, estes álbuns conseguiron alcanzar a popularidade entre o público portugues no ano seguinte, tendo sido mesmo premiado pola prensa como 'Autor do ano' e Os Sobreviventes como 'Disco do ano'. Desde entón até hoxe a súa carreira continua; apesar de non obter sempre o correspondente éxito comercial, permaneceu como favorito da crítica e do público, sendo autor de algunhas das cancións mais aclamadas da historia da música portuguesa, como É terça-feira e Com um brilhozinho nos olhos.

Sara Tavares
Sara Tavares é cantante, compositora e guitarrista, naceu en Cabo Verde no ano 1978 pero creceu en Portugal. A pesar da súa xuventude xa ten tras de si unha carreira que lle ten proporcionado un lugar destacado no panorama musical portugués. Con Mi mA Bô, cantado en tres idiomas (portugués, Criollo e inglés) foi disco de ouro. No seu último traballo Sara compuxo todas as cancións ademais de tocar case todos os instrumentos neste magnifico Balançé no que logra combinar dun modo sutil e honesto as melodías contemporáneas coas súas raíces africanas. Balancê sitúa a Sara entre as mellores novas voces da world music, avalada cunha nominación aos premios World Music de BBC como mellor novo intérprete.

Waldemar Bastos
Artista de sensibilidade exquisita, Bastos é un dos cantautores africanos máis auténticos e comprometidos coa realidade social de África, a súa música é o latexo dos eu país, Angola, ao que sempre retornan nas súas cancións. Coa guerra civil sufriu represión e cadea e posteriormente exiliouse a Portugal e Brasil, onde gravou seu primeiro disco Estamos juntos, con Chico Buarque. En Portugal editou Angola, Minha Namorada, disco dedicado á memoria dos eu fillo asasinado. Hoxe como onte a lírica nostalxia deste cantante de corazón ferido ten o embruxo de ser un canto ávida, a beleza, á esperanza e á defensa dos valores pacifistas. Os seus dous últimos traballos: Pretaluz, producido por David Byrne, e Renascence son brillantes e están entre a mellor produción musical da lusofonía ratificada por centos de concertos por todo o mundo.

Xabier Díaz
Díaz deuse a coñecer no ano 2004 con Músicas de salitre (xunto co guitarrista Guillerme Fernández) e hai ao redor dun ano converteuse na voz de Berrogüetto. En canto á súa carreira musical en solitario e despois da edición no ano 2007 do segundo traballo Coplas para Icía, traballa xa (de novo con Guillerme Fernández) no que será o seu terceiro disco, A lírica do silencio, que se publicará en 2009.


5/5 (31 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



'Lágrimas de diamante' (Paulinho Moska)

'Primeiro Día' (Sérgio Godinho)

'Balance' (Sara Tavares)

'A velha chica' (Waldemar Bastos)

'Unha volta e un poema' (Xabier Díaz)