Penduraron a pancarta da proa, e subiron a bordo para estender as súas reivindicacións a outras vilas da provincia. Os empresarios non os recibirán até esta cuarta feira.
A primeiras horas da mañá un grupo de piquetes pretendía entregar a convocatoria de folga da limpeza na sede da Confederación de Empresarios, en Vigo, mais atopáronse, mais unha vez, coa policía española, que lles impedía a entrada no predio.
Xa é a décima xornada de folga indefinida na provincia de Pontevedra, e as representantes dos traballadores e traballadoras aínda non foron recibidas polos empresarios, así que, ante a dificultades para presentar as súas esixencias e de seguir coas mobilizacións en Vigo, un grupo dunhas 200 persoas dirixíronse cara o porto e decidiron subir a bordo do barco de pasaxe que leva a Cangas, para visibilizar, tamén do outro lado da ría viguesa, o conflito no que están inmersos, e estender, así, a súa protesta a outras vilas da provincia. Aínda quedaron un grupo dun cento de persoas que non puideron subir no primeiro barco, e que han agardar polo do mediodía, mais o pasaxe das 11:30 horas ía adornado coa pancarta principal, que encabezaba a marcha, na que se podían ler as reivindicacións dos traballadores: "limpeza en folga por un convenio xusto".
Ao tempo, outro grupo de traballadores a traballadoras atópase pechado, en protesta, na delegación da Consellaría de Presidencia, na cidade de Pontevedra.
Posibilidades de peche dalgunhas facultades
Na décima xornada de folga segue sen haber avances nas negociacións, e os sindicatos maioritarios convocantes do paro (CIG, UXT e CCOO), quéixanse de que foi baixando, ao pasar as xornadas, o número de persoas que seguen e participan nas mobilizacións.
Até o de agora, os traballadores da limpeza só conseguiron xuntarse cunha das empresas que fan parte da patronal na provincia de Pontevedra, mais está fixada para esta cuarta feira, en Compostela, unha xuntanza coas dúas asociacións de empresarios do sector e coa directora xeral de Relacións Laborais da Consellería de Traballo, Pilar Cancela, da que podería saír un acordo satisfactorio para as partes. Os traballadores levan 10 días pedindo unha mellora do convenio provincial, que pasaría, sobre todo, por introducir importantes melloras salariais.
Na mañá da terza feira os reponsábeis das facultades máis afectadas por este paro da Universidade de Vigo ían manter unha xuntanza para decidir se pechar ou non algún destes centros.