Regresará ao cárcere, acusado de tentar asasinar a Gerry Adams e Martin McGuinness, líderes do Sinn Féin, no parlamento de Stormont en 2006
En novembro de 2006, Stone presentábase en Stormont carregando explosivos caseiros e media ducia de armas, o mesmo día no que se anunciaba oficialmente a McGuinness como viceprimeiro ministro no goberno compartido entre católicos e protestantes. Ese día, dous gardas de seguridade inmobilizaron a Stone, impedíndolle acceder ao recinto. Segundo Stone, non se trataba mais que dunha ‘actuación artística’ e non tiña ningunha intención de matar. Sen embargo, o xuiz Deeney definiu a explicación de Stone como "non convincente" e declarábao esta semana culpábel de querer asasinar os líderes de Sinn Fein, por segunda vez en vinte anos.
Stone, quen fora membro da organización paramilitar lealista UDA (Ulster Defence Association), saíra do cárcere en 2000, baixo os acordos do Venres Santo asinados en 1998 como parte integral do proceso de paz para Irlanda do Norte.
Stone cumpría unha sentenza de 500 anos por varios asasinatos, entre eles o de tres persoas que acudían ao funeral de tres membros do IRA no cemiterio de Milltown, en Belfast, no 1988. Stone declarou posteriormente, que a súa intención fora asasinar a Adams e McGuinness.
Tras saír do cárcere no 2000, Stone negouse a pedir perdón polas mortes das suas vítimas, aínda que publicamente aceptou o proceso de paz e convertiuse, segundo el mesmo, en artista e escritor.
A sentenza que recibirá Stone será anunciada o mes que vén.