Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
WEB 2.0

Un estudo desterra a idea de que a internet é mala para os adolescentes

O informe, elaborado nos EUA, salienta as oportunidades de expresión, de amizade e de aprendizaxe que proporcionan as redes sociais.

Redacción - 09:00 21/11/2008
Participantes na última edición do encontro Xuventude Galiza Net

Participantes na última edición do encontro Xuventude Galiza Net

Un informe da Fundación MacArthur indica que a internet non é tan mala como se pensaba para os adolescentes. O tempo que pasan nas redes sociais pode resultar de proveito, porque os axuda a se desenvolveren no mundo, a interactuar e a crear contidos.

O informe, como publica The New York Times, titúlase 'Living and Learning With New Media' (Vivir e aprender cos novos medios), e desenvolveuse dende 2005 até o pasado verán. Porén, o estudo describe o uso que se fai da rede, mais non mide os seus efectos.

As persoas consultadas polo xornal coinciden en afirmar que a preocupación dos pais sobre os perigos da internet pode estar confundida. Maioritariamente, os adolescentes úsana para socializar cos seus amigos, xente que xa coñecen da rúa, explican.

O estudo entrevistou máis de 800 persoas novas e os seus pais e observou o seu comportamento en liña durante máis de cinco mil horas. Pola crenza dos adultos de que socializar na rede é unha perda de tempo, di o informe, os adolescentes informaron de varias regras e restricións ás súas "saídas electrónicas", aínda que case sempre atoparon xeitos de burlar esas barreiras e seguir en contacto coas súas amizades durante o día, quer mediante móbiles, quer mediante mensaxaría instantánea.

No informe cóntase a situación de varios adolescentes do Bronx (Nova York), que confesaron usar a diario MySpace. Só unha estudante confesou tentar deixalo, mais só lle durou unha semana. A relación a través da rede xa se converteu nunha necesidade vital para a mocidade, de xeito que manteñen tamén relacións románticas grazas á internet.

Ademais, o uso da rede contribúe a explorar, experimentar e personalizar os recursos que ofrece a información que se pode atopar nela. Cóntase, por exemplo, o caso dun adolescente de Brooklyn que, buscando unha vídeo-postal en Google, acabou aprendendo o xeito de facer as súas propias.

O informe asegura: "Os novos medios permiten un grao de liberdade e de autonomía para a mocidade que é menos aparente nas clases. A mocidade respecta a autoridade dos demais na rede, e moitas veces vense máis motivados a aprender dos seus semellantes ca dos adultos".


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: