O IGAPE garante seis millóns de euros, o que supón o 28% dun préstamo bancario co que a empresa galega pretende adquirir á catalá Hispano Igualadina.
O principal grupo galego de transporte de viaxeiros por estrada, Monbus, mercará por 61 millóns de euros o catalán Hispano Igualadina. A empresa dirixida por Raúl López recibirá do IGAPE un aval de seis millóns de euros, o que supón un 28,5% dun préstamo bancario de 21 millóns de euros, co que a empresa galega poderá facer fronte á compra deste outro grupo que se atopa entre os seis máis destacados de Cataluña. A adquisición farase a través dunha nova sociedade na que tamén participa o Grupo Arriva: así, Monbus achegará o 50% do prezo de compra, Arriva o 35% e outras entidades a porcentaxe restante.
Na actualidade, Monbús conta cunha flota de máis de 470 autobuses e un cadro de persoal que ronda os 1.000 empregados. Con esta operación sumará outros 109 autocares e 200 traballadores. O grupo xa experimentou nos últimos anos un crecemento baseado na adquisición doutras compañías como Empresa Monforte, Vibasa, Gaesa, Castromil ou Autobuses Alsina. Ademais, participa en Deutsche Touring, o primeiro operador de longa distancia en Europa, e Socitransa, sociedade adicada ao transporte internacional de viaxeiros.
Premio á competitividade
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, subliñou que o apoio do goberno ao empresario Raúl López obedece a que esta compra "supón un exemplo de aproveitamento de oportunidades en condicións de crise para fortalecer a capacidade competitiva fora de Galiza". Así, destacou que con esta operación Monbús se situará á entidade como a "primeira empresa do transporte no Estado Español".