Expertos investigadores presentan un informe en Bruxelas onde se analiza a calidade de vida e satisfacción nos 27.
Ter moitos cartos non implica automaticamente a felicidade mais, como diría o outro, axuda. Este é un dos resultados que reflicte o estudo elaborado por un grupo de expertos investigadores da UE. O 'achádego' presentouse esta cuarta feira en Bruxelas xunto con outros datos referentes á calidade de vida e á satisfacción nos 27 estados membros.
A análise demostra tamén outras evidencias, como que o medio social en que se vive e a saúde teñen un papel importante na felicidade. Segundo unha enquisa que contempla estas variábeis, os europeos máis felices son os daneses e os finlandeses, e os menos, húngaros e búlgaros. Italianos, polacos e austríacos seguen na clasificación de infelicidade a estes últimos.
"Os países con altos ingresos teñen moi bos resultados ao ser consultados sobre satisfacción na vida", sinalan dende a Fundación Europea para a Mellora das Condicións de Vida e Laborais (Eurofound). Mais apuntan tamén que "cando se alcanza un certo nivel de ingresos, o diñeiro non ten xa ningún papel no aumento da calidade de vida".
Pobreza na UE
Moitas persoas, principalmente nos países que ingresaron na UE en 2004, non poden adquirir as cousas máis sinxelas. Máis do 15% dos consultados non teñen cartos para pór calefacción nas súas vivenda ou para comer unha comida quente con peixe ou carne polo menos cada dous días. Os máis pobres, di o estudo, sosteñen que a súa vida familiar tamén é máis difícil.
A enquisa, que responderon máis de 30 mil cidadáns entre setembro de 2007 e febreiro de 2008 -antes de se estender a crise económica actual-, recolle que só en Hungría a maioría dos cidadáns son pesimistas de cara ao futuro.