A Universidade de Vigo e a Fundación Menela organizaron unhas xornadas nas que se mesturaron os coloquios coas actividades físicas.
Álvaro Illobre durante a súa participación nas xornadas
A Universidade de Vigo celebrou o pasado mércores as Xornadas Deporte e Discapacidade, en colaboración coa Fundación Menela. Os debates realizáronse ao longo da mañá na Casa das Campás, mentres que pola tarde o escenario foi o pavillón universitario. Estas xornadas están incluídas nun ciclo de sensibilización que a universidade desenvolveu durante os últimos dous meses.
Nas conferencias da mañá falouse sobre as posibilidades que o deporte ofrece para mellorar diferentes aspectos das condicións de vida coas que contan as persoas con discapacidades físicas ou intelectuais. Ademais de representantes de asociacións e profesores, estivo presente Álvaro Illobre, actual campión estatal na modalidade de tenis en cadeira de rodas.
Importancia dos medios
Durante a mañá tamén falou o xornalista da USC José Villanueva, que chamou a atención sobre a importancia que ten o feito de que os medios de comunicación inclúan nos seus contidos as actividades deportivas de persoas con discapacidades. Villanueva xustificou esta vontade ao expoñer a idea de que son os medios de comunicación os encargados de construír a realidade social.
A festa rematou co deporte
Como resulta lóxico, a festa rematou pola tarde coa celebración de diversas actividades deportivas realizadas por persoas con diversas discapacidades nos recintos da Universidade. Así as rapazas do Club Santiago Apóstolo realizaron unha exhibición de ximnasia rítmica, que foi seguida dun partido de fútbol entre o Pontevedra FC e a Asociación Juan XXIII.