Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
JOHN BARLOW, O INGLÉS

"Sorprendeume que aquí quen mellor vive son os paisanos"

Falamos co autor do libro de viaxes e gastronomía galega que se propuxo comer todas as partes do porco, dende o rabo á cabeza. Vexan o vídeo no interior.

Isabel G. Couso (texto e vídeo)/ Fotos: John Barlow - 09:30 25/11/2008

"A xente só fala contigo, como estranxeiro, de tres cousas: 1) canto tempo levas en Galiza: 2) se che gusta isto; e 3) a comida de aquí". Así recolle John Barlow no seu libro "Everything but the squeal" (Todo agás o berro) a recepción que lle reportan os galegos, logo de trasladarse hai uns catro anos dende Yorkshire. E se cadra, por iso, decidiuse a escribir sobre esta terra, cunha particular parada na gastronomía. Satisfeito pola repercusión que está a ter o seu volume tamén en Galiza logo de que Vieiros se fixese eco da súa publicación, quixemos coñecer máis polo miúdo as razóns que o levaron a trasladar as súas vivencias galegas ao escrito.

"A miña idea era escribir un ensaio de viaxes normal de Galiza: falaba dos lugares máis típicos, de Vigo, A Coruña, Santiago... e casualmente incluín un capítulo sobre o cocido". A cousa foi que o seu axente quedou abraiado ante o engulir galego de tales manxares e "pareceulle iso máis interesante que a viaxe normal". Se tan admirado quedou co noso comer, o asombro non foi menor ao coñecer outros costumes tales como o da matanza, unha experiencia que tamén deixou pegada no propio Barlow. Así, aos poucos, John foi elaborando unha proposta literaria enfocada á gastronomía e iniciou "unha viaxe tras outra buscando porcos", dende tabernas rurais a restaurantes de fama, dende as festas de exaltación do cocido até coñecer os embutidos máis típicos da Fonsagrada.

"Chamoume moito a atención o protagonismo que a comida acada na vida cotiá, o presente que está nas conversas ou o tempo que se lle adica", di Barlow, quen opina que en Galiza "quen mellor come son os paisanos, os que toman os produtos máis frescos e máis naturais", en contraste con Gran Bretaña, onde "son os ricos, os que o poden pagar, quen se poden permitir unha boa alimentación". As comparacións coa súa terra natal non rematan aquí: "alí tamén temos o dito de que do porco todo se aproveita, pero no noso caso é para as salxixas", di cun humor entre británico e galego, "nós non comemos as orellas, nin a cabeza... por iso me pareceu interesante probar todo do animal". É que o obxectivo que se marcou o inglés foi o de dar boa proba de todas as partes do cocho, unha experiencia na que tivo que deixar a un lado á súa muller, Susana, por ser vexetariana, aínda que con concesións ("o curioso é que si lle gusta o xamón ibérico, bromea Barlow).

Os Ancares e Manuel Fraga
Malia a constante presenza do bo comer en "Everything but the Squeal", o libro ofrece moito máis. Fala das súas viaxes, nas que ficou namorado dos Ancares "pola súa historia e a tranquilidade que alí se respiraba" e de Negueira de Muñiz: "sentín algo profundo naquela paisaxe, ten algo de zona misteriosa, de serenidade, de tranquilidade... foi, sen dúbida, dos lugares que máis me gustaron". Tamén de Inditex, do topónimo da Coruña, das supersticións galegas ou até da promesa laboral de converterse en funcionario: "aprobar unha oposición -ben de profesor de universidade ou para a limpeza dun edificio público- é unha invitación para comer e beber felizmente o resto dos teus días (...) Os funcionarios toman o café cada mañá coa tranquilidade de que o seu emprego está seguro, non importa canto tarden en tomalo".

Outra experiencia foi a entrevista con Manuel Fraga. A idea xurdiu novamente do editor, quen lle pediu unha visión política e máis global de Galiza: "ocorréuseme que non debía de estar facendo moito no Senado e chamei aínda que sen moitas esperanzas". O caso é que o que fora presidente da Xunta concedeulle a entrevista e ambos conversaron. "Falar con Manuel Fraga non é falar, é formular unha pregunta e escoitar a resposta". "Foi unha conversa con normas pero moi interesante; é unha persoa que fala cunha memoria incrible", subliña Barlow, quen engade "non ten moita conversa frívola, nótase que pasou a vida tratando cousas importantes; é unha persoa moi seria pero como eu ignoro tanto de cuestións políticas non foi unha conversa na que dixeramos nada novo, creo".

Agora deberá agardar o resultado deste libro, un volume que se adica sobre todo ao público anglosaxón e que abre unha liña que aínda ninguén explorara: "son moi comúns na literatura inglesa as publicacións de viaxes, porén non existía ningunha sobre Galiza" Tal é así que no subtítulo ("Eating the whole hog in Galiza) mudáronlle o nome do país por "northern Spain" co propósito de chegar a un público maior. Para o futuro, Barlow non descarta seguir escribindo sobre a súa terra de acollida: "gustaríame profundar no coñecemento da lingua, da música tradicional, na gastronomía..., unha tarefa na que ademais da axuda da súa muller contará coa dos seus fillos, xa nacidos nestes lares.


Ligazóns

4,36/5 (14 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Imaxe do cocido antes de que o inglés dese boa proba del
Imaxe do cocido antes de que o inglés dese boa proba del
Imaxe de despois
Imaxe de despois