Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
pugna polo control das materias primas

O carbón bota os indíxenas colombianos das súas terras

Parte importante do que se consome en Europa procede de Colombia, onde a expansión mineira está poñéndolle couto aos asentamentos tradicionais destes pobos.

Redacción - 11:45 19/11/2008
Protesta de Greenpeace, en Alemaña, contra a proliferación de centrais térmicas

Protesta de Greenpeace, en Alemaña, contra a proliferación de centrais térmicas

O Catacumbo colombiano -rexión situada ao noroeste do país- pódese definir como unha terra rica en materias primas, mais pobre en respecto polos dereitos humanos. O carbón e as xentes que o manexan e o comercializan son a principal ameaza para os pobos indíxenas.

Unha parte importante do carbón que se consome en Europa -que se queima nas centrais térmicas- procede de Colombia, onde a expansión mineira está a roubarlle terras aos indíxenas, terminando cos seus asentamentos históricos e coas súas posibilidades de supervivencia; nalgúns casos, tamén coas súas vidas.

As centrais de carbón, descritas como "asasinas ambientais" polos grupos ecoloxistas, representan tamén, ademais dun problema ecolóxico, un importante problema humanitario.

Unha materia prima que resulta barata
Judith Maldonado, directora do Colectivo de Avogados Luis Carlos Pérez leva días percorrendo Europa. Acompáñana Juan Carlos Quintero, da Asociación Campesiña do Catatumbo, e Ashcayra Arabadora, representante da Asociación de Comunidades Motilón Bari, o pobo orixinario da zona. A viaxe ten un claro obxectivo: denunciar as constantes violacións dos dereitos humanos que se están a producir arredor da explotación comercial das minas de carbón.

"Temos a esperanza de que o interese que esperta o cambio climático poida virar, non só cara a protección do medio, senón tamén cara a protección dos dereitos humanos de colectividades tan importantes como son os pobos indíxenas e as comunidades campesiñas", sinala Maldonado.

O Catacumbo tense convertido nunha "terra sen lei" para os paramilitares, denuncian os tres activistas. "Pola súa riqueza petroleira levan décadas exterminando a indíxenas e campesiños, que residen e cultivan sobre estas terras". Mais agora hai máis un problema engadido: os ricos xacementos de carbón, que xa se están explotando da outra banda da fronteira, en Venezuela, mentres do lado colombiano as empresas entran en pugna por conseguir as concesión de explotación. Segundo os tres representantes colombianos, que xa foron recibidos no Parlamento Europeo e en Italia e Alemaña, todos estes feitos ameazan con desencadear outra masacre.

Porén, en Europa as centrais térmicas teñen un prometedor futuro. Aínda que hai gobernos que loitan por terminar coa dependencia das enerxías fósiles, e desexan reestruturar as centrais nucleares, o carbón segue a ser unha materia prima moi barata -sobre todo a que se trae de América-, o que prognostica un rendíbel futuro da minería do outro lado do Atlántico. Pero este gran negocio ten tamén un importante custe humanitario.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: