O obxectivo é sincronizar os reloxos atómicos coa rotación da Terra, polo que o 31 de decembro engadirase ao tempo o chamado segundo bisesto positivo.
Será as 23h 59m 59s do 31 de decembro de 2008. No canto de pasar á media noite, intercalarase un novo segundo: o 23h 59m 60s. De acordo coa Circular 36 do servizo de referencia internacional de rotación da Terra (IERS), na última noite do ano sumarase este "segundo bisesto positivo" na escala de Tempo Universal Coordinado (UTC) co propósito de sincronizar os reloxos atómicos coa rotación terrestre. Ao parecer o tempo empregado neste movemento diminúe imperceptibelmente a cada momento, a causa das forzas das mareas, exercidas pola lúa.
Así, segundo explica o organismo internacional, por mor da diminución da velocidade de rotación, o día volveuse máis longo a razón de 1,7 milisegundos cada século. Segundo estes datos, o período no que a Terra xira sobre si mesma foi moito máis corto no pasado e será máis longo no futuro. Hai catro mil millóns de anos, a norma era seis horas, de xeito que a noite e o día se sucedían, máis ou menos, cada tres horas. Unha vez formada a lúa, a súa gravidade foi freando a rotación terrestre até as 24 horas que hoxe coñecemos.