Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
SINATURA DIXITAL

As estacións de ITV serán as primeiras do Estado en abandonar o papel

Este martes presentouse nas instalacións do polígono Espírito Santo o novo sistema, que almacenará os informes de inspección en formato PDF.

Redacción / EP - 18:50 18/11/2008

O servizo de Inspección Técnica de Vehículos (ITV) de Galiza será o primeiro do Estado Español en usar a sinatura dixital. A primeira estación en contar con este servizo é a do polígono Espírito Santo, situado entre Cambre e Sada. A empresa concesionaria da inspección no país, Supervisión y Control, presentou este martes o novo sistema, que permitirá a emisión de informes electrónicos e aforrar papel.

A iniciativa, que aplica a sinatura dixital nos procesos de inspeción técnica de vehículos, recibiu a inmediata autorización da Xunta e estivo desenvolvida pola empresa TIC Altia Consultores.

Ao acto de inauguración asistiron o presidente do grupo Fomento de Iniciativas, ao que pertence a concesionaria, Amador de Castro, o director xeral de Industria, Enerxía e Minas, Anxo Calvo e o delegado provincial da consellaría, Luís Barcia.

Os asistentes puideron comprobar como se expedía o informe da ITV até agora, mediante orixinal e copia, e a expedición polo novo sistema, que permite un importante aforro de papel e vantaxes a nivel administrativo e burocrático, pois os orixinais quedan rexistrados en formato electrónico coa mesma validez legal.

O director xeral salientou que o sistema non é só unha innovación técnica, senón que detrás está "unha gran reflexión e proceso xurídico, administrativo e técnico sobre ocmo pode resolver unha cuestión sen entrar en confrontación coa Lei de Protección de Datos". Engadiu que para a dirección xeral é moi importante o novo paso na busca de procesos electrónicos que axilicen a administración. Tamén valorou o "importante avance operativo" que vai supoñer para o Goberno, pois o carecer de documentos en papel "simplifica moito o arquivo e custodia", que é un "dos grandes males da administración".

Validez legal
Os documentos teñen a mesma validez legal que os tradicionais, e calcúlase un importante aforro de papel, se se ten en conta que as estacións de ITV de Galiza expiden máis dun millón e medio de informes de inspección ao ano. Pese a que, inicialmente, o usuario recibirá un informe en papel para a súa comodidade, a empresa xa non terá a necesidade de arquivar os orixinais, que quedarán rexistrados nunha base de datos en PDF.

O sistema de información implantado desenvolveuse en tres niveis con diferentes aplicacións. As estacións encárganse de xerar o exemplar electrónico do certificado da ITV no momento de finalización da inspección, así como de habilitar a sinatura dixital dos exemplares electrónicos nas intervencións de inspeccións efectuadas polo persoal autorizado da Xunta.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: