XXAA e UUAA piden que se cumpra o acordo sobre contratos homologados e rexeitan a exixencia do SLG de fixar un prezo mínimo por lei, por "intervencionista de máis".
Gandeiros produtores de leite de todo o país, convocados polas organizacións Xóvenes Agricultores (XXAA), Unións Agrarias (UUAA) e Sindicato Labrego Galego (SLG), manifestáronse durante a mañá deste martes polas rúas da capital para exixir prezos xustos das empresas transformadoras.
No entanto, aínda que as tres organizacións comparten o mesmo fin, defenden estratexias diferentes para o acadar. É por iso que a protesta de Compostela non fose unitaria.
Por unha banda, o SLG avoga por marcar un prezo mínimo por lei, e a partir de aí negociar o contrato homologado coas empresas. Contrato que exixen XXAA e UUAA que se cumpra -aí coinciden-, porén consideran a proposta de que o "DOG estabeleza o prezo do leite", do sindicato nacionalista, "intervencionista de máis".
A protesta do SLG desenvolveuse fronte á Consellaría de Medio Rural, en San Caetano, a partir das 11.30 horas, e dende alí marchou cara á Praza do Obradoiro. Os case dous milleiros de participantes chegaron pouco despois das 13.00 horas. O lema da faixa, Polo dereito á negociación colectiva dos prezos. Participaron tamén labregos do sector da pataca e mais do viño.
A convocada por XXAA e UUAA saíu da Alameda con atraso respecto á hora prevista, o mediodía, en dirección a San Caetano. Os lemas Prezos xustos, contrato homologado xa ou Ministerio e Consellaría, apoiade á gandaría. O secretario xeral de XXAA, Francisco Bello, criticou a "falta de coordinación" da Policía Local para permitir que chegasen a tempo os buses cos gandeiros.