Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónica de Moncho Iglesias

O esquecido aniversario da independencia palestina

O 15 de novembro de 1988, Arafat proclamaba a independencia do estado palestino e o seu kufieh convertíase en símbolo de resistencia.

Moncho Iglesias Míguez - 10:45 16/11/2008

O 15 de novembro de 1988, Arafat, daquela no exilio alxeriano, proclamaba a independencia do estado palestino. Cun discurso en favor do dereito do seu pobo a vivir en liberdade, e cuberto cun pano negro e branco –un kufieh-, Arafat entronizábase como líder da loita pola independencia palestina, e o seu kufieh como símbolo de resistencia.

Os kufieh, negros ou vermellos, dependendo da zona e, en ocasións, da facción política, forman parte da vestimenta tradicional palestina. Usados dende hai séculos, posto que no inverno protexen do frío, e no verán dos raios do sol; en calquera época do ano xustifican un sinal de identidade, contrario a calquera imposición colonialista.

A fama do kufieh comezou co afán expansionista do imperio británico, que os levou até Palestina, onde nunca foron quen de conquistar o territorio. As milicias de campesiños, armados e parapetados nos seus panos de cabeza, obrigaron aos británicos a abxurar e retirarse, non sen antes estabelecer unha serie de pactos que rematarían coa adxudicación do territorio ao pobo xudeu. A loita comezou como algo sinxelo para o exército ocupante, pero pronto se decataron que as frontes eran varias, malia que os atacantes eran só uns. Nun principio, recoñeceuse aos guerrilleiros como aqueles que levaban kufieh, e eses foron os perseguidos. Con todo, a inesperada unión do pobo palestino fixo que pronto se estendese o uso do pano, e incluso as clases máis elevadas o vestisen, como símbolo de identidade. Deste xeito, á resistencia armada uníuselle a daqueles que se negaban a entregar o seu territorio, e nacía unha arma subversiva: o kufieh.

A invasión israelí do 67 volveu provocar o levantamento en armas do pobo palestino, e con el o seu orgullo, representado nese pano a cadros negro e branco. Máis tarde, Laila Khaled, cuberta cun pano negro e vermello, símbolo da Fronte Popular para a Liberación de Palestina, lembraba ao mundo que a resistencia continuaba, ao intentar secuestrar varios avións internacionais. Xa por último, o antes mencionado Arafat, e a Primeira e Segunda Intifadas, resucitaban o emblema palestino, facéndose eco da necesidade de non esquecer o que aínda sucede.

Pero o esquecemento parece unha praga que se estende entre os flancos máis separados dos imperios acabados de nacer. Así, os cadros a dúas cores, que dende hai vinte anos representan unha independencia aínda por recoñecer, aparecen camuflados por entre os trapos multicolor dunha conquista comercial que serve para loitar contra a baixa venda de comestibles ou de calquera prenda de temporada.


5/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: