Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Charlas, concurso fotográfico.......

Campaña de ADEGA pola saúde dos ríos galegos

ADEGA ven de apresentar en Lugo a CAMPAÑA POLA SAÚDE DOS RÍOS GALEGOS que tenta achegar posturas de cara á concienciación pública pola conservación e recuperación dos ríos galegos, particularmente cos concellos, pescadores e demáis colectivos locais. No sector máis concienciado da sociedade galega hai arestora unha fonda preocupación polo estado en que se atopan os ríos do país.

ADEGA - 10:35 13/11/2008
Tags:

Con só mirar uns poucos anos atrás podémonos decatar do deterioro sofrido por tantos cursos fluviais, hoxe canalisados ou convertidos en cañeiras a ceo aberto. Dentro desta campaña, haberá charlas e reunións por todo o país, alén dun CONCURSO FOTOGRÁFICO. Participa!

Son diversas as orixes dos problemas que afectan aos nosos ríos: centos de infraestruturas hidráulicas (encoros, minicentrais...) coas que se aproveitou a forza motriz das augas esnaquizando o medio ambiente; verteduras incontroladas producidos polos núcleos urbanos e todo tipo de actividades desenvoltas nos terreos ribeiráns-nomeadamente, as das industrias que atoparon fácil acollida preto dos leitos, aos que envían os seus efluentes, as máis das veces sen a necesaria depuración previa-; as erradas políticas públicas de repoboación piscícola, que puxeron en trance de desaparición moitas comunidades de especies autóctonas-...

Estas e outras causas son responsables da perda de riqueza biolóxica nos nosos leitos fluviais e da degradación que moitos deles padecen. Galiza sufre ademais un retraso notábel respecto a outras Comunidades próximas -Asturias, Cantabria, Castela e León,...- en materia de programas de mellora e recuperación de espazos fluviais.

No medio desta perspectiva negativa, hai razóns para crer que é posible inverter este proceso: a cada vez maior concienciación ambiental no conxunto da sociedade, determinadas iniciativas de amplo espectro social (a Iniciativa Lexislativa Popular para a protección dos Ríos Galegos ILP- aprobada no ano 2006), a implantación cada vez maior de proxectos de valorización do medio fluvial (como o Proxecto Ríos desenvolto por ADEGA), etc.

Por todo isto, a ADEGA pon en marcha a "Campaña pola saúde dos ríos galegos" co obxectivo de incidir, coa colaboración de todas as persoas e institucións preocupadas por este tema, na mellora da situación actual. Esta iniciativa ten como principal finalidade contribuír a recuperar o noso patrimonio fluvial, non só desde a súa vertente natural - recuperación dos ríos e ribeiras e ecosistemas naturais que neles habitan-, senón tamén desde a súa vertente cultural -mazos, batáns, muíños, lavadoiros, pesqueiras, ferrerías,...-, sinal de identidade de Galiza

CHARLAS CON PESCADORES E RIBEIRÁNS

Dentro desta Campaña tentamos compartir con todos os actores sociais implicados (representantes do sector industrial, gobernantes das poboacións urbanas, pescadores, deportistas,...,) as nosas ideas do que cremos que se podería facer (maior vixianza dos ríos -en especial dos vertidos-, maior educación ambiental, maiores dotacións de recursos económicos, etc.).

Porque a túa achega pode ser importante, invitámoste a participar connosco e expoñer os teus puntos de vista. Por iso animámoste da asistir as charlas que ADEGA manterá con distintos sectores sociais en diversos concellos, das que iremos dando conta nesta páxina web.

CONCURSO FOTOGRÁFICO "AGRESIÓNS ÁS AUGAS CONTINENTAIS GALEGAS"

Dentro da Campaña pola Saúde dos ríos galegos, ADEGA quere facer partícipe á sociedade galega na denuncia das irregularidades acometidas cos afluentes galegos para o que establece un CONCURSO DE FOTOGRAFÍA no que os galegos e galegas poderán presentar as súas fotografías referidas ao impacto das actividades humanas nos ríos, lagoas ou afluentes... (augas continentais) de Galiza.

Os e as participantes poderán presentar un máximo de catro fotografías, debidamente localizadas, que logo deberán remitir á delegación de ADEGA Lugo (Av. Fontiñas 180, Ent. B).
Optarán a cinco premios, máis detallado no  Díptico CONCURSO FOTO RÍOS (0,6 MB) que podes baixar. A data límite de presentación será o 12 de xaneiro de 2009, incluído, e o fallo emitirase no mes de febreiro.

SÓ COA AXUDA DE TODOS E TODAS PODEMOS ATALLAR O DETERIORO DOS NOSOS RÍOS! ANÍMATE E PARTICIPA!


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: