A iniciativa da USC e da Dirección Xeral de I+D+i leva os produtos directamente do produtor ao consumidor a través da internet.
Cabeceiro da web de Granxa Familiar
Estase a desenvolver por todo o país a Semana da Ciencia, organizada pola Dirección Xeral de I+D+i da Consellaría de Innovación e Industria, a través do Plan Incite, e o Ministerio de Industria a través da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT). Ademais da divulgación científica, a Sociedade da Información e as TIC teñen unha presenza importante dentro da programación.
Unha das iniciativas que se expuxeron foi a das granxas dixitais, que están a ser impulsadas por un grupo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), co apoio da Dirección Xeral de I+D+i. Este sistema permite ligar directamente o produtor e o consumidor, evitando os intermediarios. Deste xeito, as persoas produtoras conseguen unha remuneración xusta e as compradoras unha calidade acreditada.
O director xeral, Salustiano Mato, salientou que a iniciativa, que se presentou dun xeito ameno perante o alumnado dun colexio de primaria de Compostela, busca "a interacción entre o mundo urbano e o rural" coa axuda as TIC, de xeito que "empecen a recuperarse os costumes de comercio directo, na liña do comercio xusto".
A experiencia comezou como un proxecto piloto na área rural próxima a Compostela e, segundo o investigador Carlos Ferrás, está a obter "resultados extraordinarios" e fomentar que as familias visiten as granxas para coñecer de primeira man o seu traballo.
O programa vende directamente os seus produtos a través da web granxafamiliar.com, e, asemade, impulsa o agroturismo a partir do programa para nenos e visitantes, creando "unha ponte de coñecemento entre cidade e campo".
Pola súa banda, Salustiano Mato subliñou que un dos obxectivos da Semana da Ciencia é que a infancia "visualice o lado máis divertido da ciencia e da tecnoloxía e que se decate de que hai moitas formas de aprender e a de facelo divertíndose é a máis eficiente".
Outras actividades
Durante a Semana da Ciencia tamén se pode, por exemplo, visitar o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), situado no Campus Sur de Compostela, até o 14 de novembro, de 10 a 18 horas. O 13 e o 14 de novembro, a Facultade de Informática da Universidade da Coruña ofrece, de 18 a 21 horas, sesións de demostración de instalación e uso de software libre. Estas e outras actividades pódense consultar na web do programa.