Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
GUERRA FRÍA

Destápase o caso dunha arma nuclear perdida en Grenlandia

Unha reportaxe da BBC, baseada en documentación desclasificada, descobre que os militares estadounidenses abandonaron a busca hai 40 anos.

Redacción - 14:05 12/11/2008

Unha reportaxe publicada pola BBC volve destapar o caso dunha arma nuclear perdida polos Estados Unidos debaixo do xeo de Grenlandia. Segundo documentos desclasificados, a perda produciuse hai 40 anos e, dende entón, non houbo éxito na súa busca.

Os Estados Unidos contan cunha base aérea en Grenlandia, concretamente en Oaanaaq (ou Thule), de grande importancia estratéxica durante a Guerra Fría polo medo a que a URSS atacase dende o Polo Norte. A base estaba equipada cun potente radar e con armas nucleares listas para atacar Moscova.

Segundo a información recuperada pola corporación pública británica, en xaneiro de 1968, un bombardeiro B-52 con catro armas nucleares esnafrouse a varios quilómetros da base. Os explosivos detoaron, mais non o fixeron os dispositivos atómicos, que estaban desmontados. Durante meses, militares estadounidenses e traballadores daneses estiveron buscando os fragmentos de material radioactivo. A versión oficial do Pentágono foi que as catro armas foran destruídas, pero só se atoparon os restos de tres delas.

Os documentos desclasificados tamén desvelaron que se enviou, máis tarde, un submarino para buscar no leito oceánico, no caso de que o material radioactivo se tivese filtrado a través do xeo. En calquera caso, ocultóuselles o verdadeiro propósito da misión ás autoridades grenlandesas.

Pero esta busca tampouco tivo éxito, por unha combinación de problemas técnicos e meteorolóxicos. Así que os militares abandonaron a recuperación do material, pensando que nunca ninguén se decataría desa perda, ou que os compoñentes radioactivos se disolverían no mar.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: