Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Conflito en Palestina

Críticas a Hamás no cuarto cabodano da morte de Yasser Arafat

O presidente da ANP, Mahmud Abbas (Al Fatáh), acusouna de "desbaratar a iniciativa de paz" proposta por Iemen.

Redacción - 14:00 12/11/2008
Este martes cumpríronse catro anos da morte de Arafat

Este martes cumpríronse catro anos da morte de Arafat

Milleiros de palestinos conmemoraron este martes o cuarto cabodano da morte do ex presidente da Autoridade Nacional Palestina (ANP) Yasser Arafat, principalmente en Cisxordania, xa que en Gaza, gobernada por Hamás, non estaba previsto ningún acto importante.

O actual presidente, Mahmud Abbas, afirmou nun discurso en Ramala que Arafat "permanece presente" entre o pobo, e pediulles aos asistentes ao acto que "conserven e protexan os seus logros" e "aspiren á liberdade e á independencia".

Ademais, ante a multitude concentrada que ondeaba bandeiras de Al Fatáh e portaba fotografías do homenaxeado, Abbas aproveitou para criticar a Hamás por "desbaratar a iniciativa de paz" proposta por Iemen e "os esforzos de Exipto pola reconciliación" das dúas forzas principais en Palestina.

O dirixente da ANP indicou que a Hamás "non lle interesa dialogar", e afirmou que prohibiran en Gaza as cerimonias polo cabodano de Arafat. Al Fatáh e outros grupos din que solicitaron autorización para a convocatoria de marchas, mais Hamás mantén que nunca recibiu esas peticións.

Por outra banda, nalgunhas localidades de Cisxordania como Hebrón ou Belén houbo algúns enfrontamentos con soldados israelís.

Posíbel envelenamento

Arafat morreu o 11 de novembro de 2004 aos 75 anos. Soterrárono no interior da sede da ANP, onde se ergueu un memorial. As causas do seu finamento, nun hospital de París, seguen rodeadas de misterio. Varios responsábeis palestinos acusaron o Estado de Israel de envelenalo.

Neste senso pronunciouse tamén o martes Nasser Al Qidwah, sobriño de Arafat. "Cada día hai máis pistas sobre a súa eliminación e cada día estamos máis perto da teoría do envelenamento", dixo, e calculou que "nun ano ou dous" se coñecerá a natureza desta suposta sustancia tóxica.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: