Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crise alimentaria

O Programa Mundial de Alimentos comeza a reducir as racións por falta de fondos

En Cimbabue xa sofren as consecuencias logo de que os países doadores non atenderan a demanda económica da axencia da ONU.

Redacción - 18:40 11/11/2008
Millóns de persoas dependen da axuda do PMA

Millóns de persoas dependen da axuda do PMA

O Programa Mundial de Alimentos (PMA) viuse forzada a reducir as racións de comida destinadas aos máis necesitados en Cimbabue, onde a crise económica chegou a un nivel moi alto, debido á falla de financiamento, segundo informou a propia axencia da ONU nun comunicado.

O PMA alimentou dous millóns de cimbabueses en outubro. Porén, en xaneiro quedará sen comida. Os gobernos doadores non atenderon a súa solicitude de 140 millóns de dólares (algo máis de 112 millóns de euros) para financiar as operacións no país africano deica marzo de 2009.

Máis da metade dos 10 millóns de habitantes de Cimbabue precisan desta axuda alimentaria para poder sobrevivir deica a vindeira colleita, no mes de abril. Richard Lee, portavoz do PMA, afirmou que a ración por persoa recortouse en dous quilogramos de millo e case un de feixóns co obxectivo de facer durar máis as existencias.

O pasado mes de febreiro a axencia xa alertara da grave situación pola que atravesaba. Un mes despois, tamén a Organización para a Alimentación e a Agricultura (a FAO, nas súas siglas en inglés) fixera un chamamento urxente neste senso.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: