Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
QUENCEMENTO GLOBAL

As Maldivas, de paraíso a terra de refuxiados climáticos

O goberno quere mercar outros territorios ante o risco de que o arquipélago do Océano Índico desapareza baixo o nivel do mar.

Redacción - 10:20 16/11/2008

O conxunto de perto de 1.200 illas do Pacífico que compoñen as Maldivas teñen no quencemento global o seu maior problema: o seu punto máis alto está a 2,4 metros de altura e as previsións do Panel Intergubernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC) estiman que o mar pode subir entre 25 e 58 centímetros neste século, a consecuencia do desxeo dos glaciares e da quentura dos océanos. A preocupación é máxima, sobre todo porque o 80% das súas terras atópanse a menos dun metro por enriba do nivel do mar.

Ante esta situación, o novo presidente, Mohamed Nasheed, xa fixo pública a súa intención de crear un fondo soberano de inversión para mercar terras noutras zonas da rexión. Os 380 mil habitantes das Maldivas converteranse en refuxiados climáticos, un extremo que o goberno quere evitar cunhas previsións coordinadas para o futuro. A intención é facerse propietarios de terras en zonas como Sri Lanka e a India, polas súas similitudes culturais, culinarias e climáticas. Segundo Nasheed esta é unha medida de precaución ante o peor escenario posíbel, xa que recorda que as principais ameazas para a supervivencia da súa nación (o quencemento global e o aumento do nivel do mar) emanan dende máis alá das súas fronteiras xeográficas.

A iniciativa deste goberno, o Consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas aprobou recentemente unha resolución declarando o cambio climático non só unha ameaza para o medio ambiente, senón tamén para a propia vida e benestar de persoas e comunidades de todo o mundo. Neste sentido, Nasheed fai unha petición aos líderes mundiais, para que tomen o problema máis en serio e que actúen antes de que sexa demasiado tarde non só para salvar as Maldivas, senón todo o planeta.


Ligazóns

3,33/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: