Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Eleccións municipais

Os sandinistas gobernarán na maioría dos concellos de Nicaragua

O partido do presidente Daniel Ortega, o FSLN, conseguiu 91 das 146 alcaldías do país, mellorando o resultado de 2004.

Redacción - 11:15 11/11/2008

Segundo datos preliminares do Consello Supremo Electoral (CSE) con case o 100% dos votos contabilizados, a Fronte Sandinista de Liberación Nacional (FSLN) -formación en que milita o presidente Daniel Ortega- obtivo 91 das 146 alcaldías de Nicaragua nas eleccións municipais.

Os sandinistas melloran os resultados de 2004 ao conseguir gañar catro concellos máis. O Partido Liberal Constitucionalista (PLC), de dereitas e liderado por Eduardo Montealegre -que xa perdeu fronte a Daniel Ortega na carreira presidencial de 2006- obtivo 40 alcaldías. A tamén dereitista Alianza Liberal obtivo tres alcaldías.

Na capital do país, Managua, o ex boxeador Alexis Argüello, do FSLN, superaba co 51,3% dos votos a Montealegre, que obtiña un 46,45%. Este último pediulles aos seus partidarios que saísen ás rúas logo de acusar o goberno de fraude electoral. EUA, país que apoiou a contrarrevolución ao primeiro goberno de Ortega na década dos 80, tamén dixo que había razóns para pensar que as eleccións non foran limpas.

O CSE, amparado por 120 observadores internacionais, rexeitou a denuncia, mais houbo fortes enfrontamentos violentos na cidade. Varios medios locais informaron da morte de dúas persoas, aínda que a Policía e os portavoces do principal hospital de urxencia sinalaron que só houbera feridos, un de gravidade, segundo recollen este martes as axencias internacionais.


5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: