A pesar da escasísima taxa de resposta aos correos lixo, os seus autores poden chegar a gañar millóns de euros ao ano.
Correo lixo que ofrece títulos académicos falsos
Segundo un estudo estadounidense, o spam é un negocio lucrativo, aínda que só un de cada 12,5 millóns de correos enviados teña resposta. Os investigadores descubriron algúns aspectos económicos das persoas que se dedican a enviar correos lixo infiltrándose nunha das súas redes.
A análise, da que informa a BBC, indica que unha taxa de resposta ridícula nunha enorme operación de spam pódese traducir en millóns de euros de beneficio ao ano. Pero tamén dá a entender que os spammers tamén están a recibir ataques que lles fan máis complicado enviar correo lixo.
O estudo levárono a cabo a comezos de 2008 informáticos das universidades californianas de Berkeley e San Diego. Durante un mes, os sete investigadores infiltráronse na rede Storm, que usa computadores domésticos infectados como reemisores de correo lixo. Calcúlase que Storm ten controladas máis dun millón de máquinas.
O equipo, dirixido polo profesor Stefan Savage, analizou unha pequena porción da rede para efectuar o estudo, porque chegou á conclusión de que só se pode medir o spam sendo un spammer. En total, chegaron a controlar 75.869 máquinas infectadas e enviaron as súas campañas falsas de spam a través delas. Para iso, crearon unha ficticia web de medicamentos e usaron dous tipos de anuncios: un copiaba o xeito polo que Storm se estende mediante virus e o outro tentou a xente a visitar a web para mercar un remedio herbal para incrementar a súa libido.
Ao final, enviaron 469 millóns de correo lixo, a maioría da falsa web de farmacia. Segundo os investigadores "despois de 26 días, e case 350 millóns de correos, só tivemos 28 vendas". Porén, esas cifras supoñerían unhas ganancias de 2.731,88 dólares, máis de cen ao día. Extrapolando os datos, calcularon que os que controlan a rede Storm poden gañar uns 7 mil dólares ao mes, máis de dous millóns ao ano.
En calquera caso, os investigadores cren que os beneficios que se obteñen hoxe en día non son tan elevados como os que se recibían antano, polo que os spammers teñen que loitar contra as medidas de protección que impiden que as súas mensaxes cheguen aos destinatarios.