Os mozos de Rosalía e Breogán compiten cos mellores filiais do estado, na cuarta edición da competición, que remata este martes.
O Circuito Sub 20 cumpre a súa cuarta edición, mantendo un alto índice de participación de anos anteriores. Este torneo é organizado de maneira conxunta pola Federación Española de Baloncesto e a ACB. Igual que nas edicións anteriores, a competición desenvolverase en dúas series, "A" e "B". Na serie "A" está o Breogán, xunto a outros 11 equipos, mentres que na "B" están o Rosalía e outros sete conxuntos.
A competición realizarase en torneos de catro equipos realizados mediante o sistema de concentración. Así, esta primeira xornada conta con tres torneos da serie A e outros dous da serie B. Lugo acolle un dos torneos da categoría "A", mentres que Compostela está a facer o propio cun da serie "B".
Durante a tempada celebraranse torneos en diferentes sedes do estado, até que todos os equipos teñan xogado entre si. Unha vez rematada esta fase celebraranse unhas eliminatorias finais nas que se decidirá o gañador.
Bo comezo dos equipos galegos
O Balogal, filial do Breogán, comezou cunha clara vitoria o torneo que se está a xogar en Lugo, impoñéndose ao Cajasol por 53-47. Mais o luns coñeceu o sabor da derrota ao perder por 62-87 contra o Valladolid. Este martes xoga o seu último partido contra o Gran Canaria.
Compostela, pola súa parte, acolle o torneo 2 da serie "B", onde o Rosalía comezou cunha vitoria por 70-60 ante o Unelco Caja Canarias e outra por 71-63 fronte ao CTIB. O derradeiro partido do torneo enfrontará aos compostelás co Teide Club de Baloncesto.