Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Folga estudantil o 19N

"Queremos saber en que e como gastan os nosos cartos as tres universidades galegas"

O estudantado non se acomodou: segue demandando que o financiamento das universidades veña, en grande parte do goberno, e non saia case todo do seu peto.

Redacción - 09:20 12/11/2008
As caricaturas de Touriño e Sánchez Piñón

As caricaturas de Touriño e Sánchez Piñón

A comezos do mes de outubro, os reitores das tres universidades galegas aliábanse para pedirlle á conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, que aumentase o financiamento que reciben do Goberno, expoñendo unha serie de necesidades económicas que, aseguraban, estaban a pasar. Parecía, daquela, que a crise tamén chegaba á Universidade.

Porén, Sánchez Piñón retrucaba, dicindo que a Xunta xa amosara o seu compromiso coa USC, a UdC e a Uvigo cun incremento significativo sobre as cantidades asignadas na anterior etapa; a conselleira falaba de 125 millóns de euros, un 50% máis que en 2005. Finalmente, despois duns días de intercambios de pareceres, a través dos medios de comunicación, e, finalmente, cunha xuntanza entre Goberno e Universidades, o novo Plan de Financiamento (aínda que coincidindo todas as partes na súa necesidade e urxencia) quedaba adiado até o primeiro semestre de 2009, coa meta de traballar para o período 2010-2015.

Na actualidade o gasto que a Xunta fai nas Universidades do país corresponde a un 0,75% do PIB, e o obxectivo é chegar ao 1'5% en 2015. Porén, os estudantes non están de acordo, principalmente porque unha parte importante dese orzamento sae dos seus petos. Coa reivindicación dunha xestión integral do gasto universitario como a principal, os Comités (CAF e CAE) convocaron unha folga nos sets campus galegos para a vindeira cuarta feira, 19 de novembro. Teñen, ademais, programados diversos actos e concentracións, e agardan unha importante participación por parte do estudantado.

"A redución das taxas non supón ningún prexuízo para o financiamento das universidades"
"O motivo desta campaña é solicitar un incremento do investimento público nas universidades. Agora temos que crer que até 2015 non é posíbel chegar ao 1,5% do PIB galego, cando é totalmente posíbel acadalo xa en 2010, e sen ningún prexuízo para as arcas públicas", díxolle a Vieiros Marcos Loureiro, responsábel nacional dos CAF. Para esta organización estudantil, a implicación do Goberno no financiamento universitario debe medrar: "o 1,5% do PIB para 2010 non é nada inasumíbel, algo que non se poida realmente acometer, senón todo o contrario, é posíbel", comenta Loureiro, ao tempo que lembra que, a suba dos orzamentos do sistema universitario debe ir acompañada dunha "redución das taxas que paga o estudantado". A día de hoxe, segundo os CAF, o 13,81% dos cartos cos que se financia a UdC saen do peto dos seus estudantes; na USC os estudantado paga o 18,21%, e na Uvigo o 10,29%. "Dende os CAF apostamos pola redución desta porcentaxe até o 5% en 2010".

Máis bolsas, máis aloxamento público, máis coordinación, menos despilfarro
Ao tempo que piden taxas máis baixas, dende esta organización demandan o aumento das bolsas ("Só o 17% dos estudantes de Galiza están bolsados polo MEC, e nós consideramos que é preciso chegar ao 33% en 2010, e de aí aos 50%, no camiño dunha posíbel exención das taxas"), e das prazas de aloxamento público, lembrando unha vella demanda da organización, xusto agora que se deu a coñecer nos medios de comunicación a existencia de infravivendas no campus da Zapateira da Universidade da Coruña, "un feito que nós xa levamos tempo denunciando", destacou o responsábel dos CAF. Neste sentido, tamén demandan a creación dun só ente, formado polas tres universidades, a Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria e a Consellaría de Vivenda e Solo, para a xestión do aloxamento universitario, que converta todas as prazas existentes (as concertadas, as subvencionadas e as concesionadas) en prazas públicas., e que traballe por garantirlles acceso, polo menos, ao 15% dos e das estudantes matriculados en cada un dos sete campus galegos.

En resume, demandan, outra volta, un ensino público "que non malgaste, e que informe do que gasta, é dicir, cun bo sistema de fiscalizamento e control orzamentario por parte de Educación"; que faga un "uso positivo das infraestruturas, eliminando a limitación de prazas nalgunha carreiras; as probas específicas para algunhas titulacións; e que reduza as proporcións profesor-alumnos nas carreiras máis masificadas. "O que procuramos é que existe un apoio económico importante, imprescindíbel para a xestión integral necesaria no Sistema Universitario Galego, para que se fagan melloras substanciais, tanto en materias como en infraestruturas".


3,4/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: