Unha semana despois de deixala, o equipo coruñés volve á primeira posición na táboa, por mor do empate entre o Santa Comba e o Compostela.
A agardada 11ª xornada da Terceira División trouxo mudanzas na clasificación, tanto na parte alta como nos últimos lugares da táboa. O Montañeros aproveitouse do empate entre o Santa Comba e o Compostela para recuperar o liderado da categoría, mentres que na parte baixa destaca a vitoria do Portonovo, que foxe así dos postos de descenso.
No gran encontro da xornada, o Santa Comba e o Compostela empataron a cero goles. O partido tivo un alto ritmo con ocasións para os dous equipos e bo xogo, mais o gol foi o gran ausente no estadio da Fontenla. Foi un bo partido entre dous dos equipos que loitarán por ocupar os postos de ascenso a finais de ano.
Unhas horas antes xa rematara o encontro do Montañeros, que recibía no campo da Grela a visita do Negreira. Os visitantes adiantáronse ao comezar a segunda parte, obrigando aos xogadores de José Ramón a darlle a volta ao marcador. Isto foi posíbel por mor de dous grandes goles anotados por Olaiz e Rubén Rivera.
Nunha xornada chea de enfrontamentos directos, os partidos máis espectaculares foron aqueles que disputaron os equipos situados na parte baixa da clasificación. Así, o Portonovo venceu por 3-2 ao Cerceda no partido con máis goles do día. Con este resultado, o Portonovo abandona as posicións de descenso, mentres que o Cerceda pasa a ocupar agora o derradeiro lugar na clasificación. Pontevedra e Narón disputaron outro encontro espectacular, que rematou con empate a dous goles.