A ministra de Defensa confirmou a morte dos militares, que formaban parte da brigada con sede en Figueirido. Un dos falecidos é natural de Vigo.
A ministra de Defensa do goberno español, Carme Chacón, explicou que os militares sufriron un "ataque suicida" por parte dunha furgoneta cargada cunha grande cantidade de explosivos, que provocou a morte a dous soldados e feridas a outros catro. Un dos militares falecidos no atentado é o cabo primeiro Rubén Alonso Ríos, informou Chacón, que durante a conferencia de prensa non facilitou a identidade do outro falecido, xa que aínda non fora informada a súa familia. Ambos os dous pertencían á Brigada Lixeira Aerotransportable (Brilat) con sede en Figueirido, en Pontevedra, e estaban destinados en Herat dende hai varios meses.
O cabo Rubén Alonso Ríos é natural de Vigo e naceu en 1978. A outra vítima mortal, segundo se confirmou máis tarde, é o brigada Juan Andrés Suárez García, natural de Mieres e nado en 1967, informaron a Europa Press fontes do Ministerio de Defensa.Os compañeiros da Brigada de Infantería Lixeira Aerotransportábel que resultaron feridos son o cabo primeiro Antonio Cures García, que está ingresado en estado grave no hospital da Base de Herat; o capitán Enrique Dopico Rodríguez; o sarxento primeiro Gonzalo Miguélez Diéguez; e o cabo Alberto Cao Pérez. Estes tres últimos militares permanecen no mesmo hospital de Herat e o seu estado é leve.
Reaccións políticas
O PSdeG transmitiu as súas "condolencias" aos familiares e compañeiros dos dous soldados. Nun comunicado, expresan o seu "sentimento de condolencia e solidariedade" á familia e achegados, así como o seu "afecto" aos feridos. Tamén O BNG expresou as súas condolencias a familia e amigos dos soldados da Brilat, nun comunicado onde o coordinador da executiva nacionalista, Francisco Jorquera, mostra o seu "apoio" e desexa a "pronta recuperación" do outro soldado ferido grave na explosión. Na mesma liña se pronunciou o líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, quen engadiu que a prioridade neste momento é prestarlle ás familias dos falecidos o apoio que necesiten e "reforzar, con todos os medios dispoñíbeis, a seguridade dos militares despregados nas diferentes misións internacionais".