Abel López Soto entregoulle a Cultura os vinilos, que recollen discursos do político realizados entre 1953 e 1954 en Bós Aires.
A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, recibiu hoxe da man do alcalde de Sada, Abel López, cinco gravacións inéditas que pasarán a formar parte dos fondos do Arquivo Nacional. As gravacións agora entregadas realizáronse en Bos Aires nos anos 1953 e 1954. Trátase de discursos e intervencións públicas que o intelectual galeguista realizou en diversos centros da capital arxentina. Entre outras, figura a súa intervención na Comisión Intersocietaria con motivo do 18º aniversario do Plebiscito de Estatuto de Galiza, ademais de discursos sobre o Consello de Galiza, a presenza de Castelao no exilio, o papel do Centro Galego de Bos Aires, e o labor desempeñado polo galeguismo no exilio.
Estas gravacións permaneceron até o de agora ocultas e nun estado de conservación precario. A súa recuperación, polo Centro Español de Sada e Contornos e o Concello de Sada, e o seu traslado ao Arquivo Nacional servirá para iniciar un proceso de restauración, que ten por obxectivo conservar nas mellores condicións estes documentos sonoros, e poder divulgalos á sociedade axeitadamente.