O viceconselleiro de Facenda e Finanzas do Goberno Vasco sinalou "o interese" para Galiza de tirar leccións do modelo aplicado en Euskadi.
As especificidades do caso vasco convérteno nun sistema lonxe de ser referencia para Galiza, en opinión do viceconselleiro de Facenda e Finanzas do Goberno Vasco, Juan Miguel Bilbao, quen si opina en todo caso que é de interese para Galiza fixarse no modelo. Así o opinou durante a intervención esta semana nas conferencias sobre financiamento autonómico que organiza estes días a Cátedra Alexandre Bóveda.
"Non hai un modelo de laboratorio, válido para todas as comunidades, senón unha decantación histórica, como é o caso vasco, provocado por uns intereses que hai que conciliar", explicou Bilbao. Á súa beira, o secretario xeral de Relacións Institucionais da Vicepresidencia da Xunta, Xoán Antón Pérez-Lema, subliñou que "Galiza non é un país pobre" e explicou que o modelo vasco "é un a considerar xunto con outros moitos". Pérez Lema afirmou que Galiza debe apostar por estabelecer unha relación "de ti a ti" co Estado no marco dun novo Estatuto e garantir o cumprimento da débeda histórica.
O ciclo organizado na Universidade de Vigo tamén incluíu este xoves unha mesa redonda na que participaron os expertos Santiago Lago, Xavier Martínez Cobas e Xavier Labandeira. Entre as ideas expostas, o profesor Lago Peñas falou da necesidade de avanzar cara a un modelo federal onde as actuais comunidades autónomas se responsabilicen en maior grao das súas estratexias económicas. Na opinión de Santiago Lago, un dos problemas actuais é que os gobernos consideren que o máis proveitoso para eles "é ir pedirlle esmola a Madrid". Doutra banda, o profesor Martínez Cobas, apuntou que fronte a un modelo no que o Estado "recada os nosos impostos e fai irlle pedir esmola" a necesidade cara ao futuro é a introdución dunha facenda propia en Galiza que recade as taxas e faga por outra beira achega á caixa común do Estado.