A competición estase a desenvolver na cidade italiana de Bérgamo, e prologarase até o vindeiro sábado día 8.
O equipo ourensán está a participar na Copa de Europa, organizada de forma conxunta pola Federación Italiana de Fútbol Sala e a Federación Europea de Fútbol Sala. No torneo participan oito equipos de diferentes procedencias como Italia, Ucraína, Rusia, Armenia, Galiza e un equipo australiano que tamén foi convidado á competición.
As galegas afrontan este xoves o último partido da fase de grupos, mediante a que se determinarán os emparellamentos das últimas roldas. O Pavillón venceu os dous primeiros partidos con cómodos marcadores. Na primeira xornada gañaron ás Dolphins de Sydney por 9-1 e na xornada seguinte fixeron o propio coas ucraínas do Sevastopool, ás que venceron por un claro 13-4. No último partido enfrontaranse ao San Pietroburgo ruso, este xoves a partir das 21:00 horas, no centro deportivo Italcementi de Bérgamo.
O venres xogaranse os primeiros partidos da rolda eliminatoria e o sábado disputaranse os catro últimos partidos cos que se definirán as posicións dos oito equipos en competición. A final será ás 21:00 horas.