Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

A ameaza da contaminación electromagnética

A Coordenadora Estatal contra Liñas de Alta Tensión e Instalacións de Transformación demandou a través dun comunicado “a elaboración dunha normativa de carácter estatal en materia de contaminación electromagnética”. Esta normativa daría resposta “ás esixencias crecentes por parte de diversos colectivos veciñais e sociais en asuntos como o das polémicas torres de telefonía móbil, os tendidos de alta tensión ou as subestacións de transformación”. No noso país, a presenza de liñas de alta tensión perto de lugares habitados desencadeou importantes mobilizacións veciñais en Merza (Vila de Cruces) e Arteixo.

- 19:54 05/03/2000
Tags:

Esta Coordenadora tamén solicitou aos alcaldes que promovan ordenanzas municipais que procuren diminuír o impacto ambiental e para a saúde humana da preocupante polución electromagnética.

A Coordenadora resume as súas propostas nun decálogo, que se reproduce a continuación:

1)Esixir ás compañías prestatarias do servizo eléctrico que revisen os transformadores de media tensión instalados en zonas urbanas, para garantiren o mínimo de radiación electromagnética.

2) Instar ás mesmas compañías a que enterren e illen adecuadamente contra campos electromagnéticos os tendidos de media tensión.

3) Esixir o traslado dos tendidos de alta tensión e as subestacións de transformación lonxe das zonas habitadas.

4) Dictar ordenanzas municipais prohibindo a instalación de torres de telefonía móbil nas terrazas dos edificios, obrigando a situalas lonxe do núcleo urbano, e tomar as medidas oportunas para o traslado das xa existentes.

5) Promover o traslado das emisoras de radio e televisión a unha distancia mínima do casco urbano que asegure uns niveis de radiación non prexudiciais para a poboación.

6) Esixir estudios detallados de impacto ambiental ante cualquera proposta de instalación que poida supor un risco de irradiación electromagnética para os cidadáns.

7) Explicar á poboación cómo se avalían e xestionan os riscos relacionados coa electropolución, dada a grande ansiedade que esperta na poboación este tema, e desenvolver campañas formativas en relación coa contaminación electromagnética.

8) Procurar o desenvolvemento de políticas de investigación e estudios epidemiolóxicos que permitan un adecuado coñecemento dos efectos biolóxicos da electropolución (tanto no ámbito local como no autonómico e estatal).

9) Promover a comercialización de productos eléctricos e electrónicos electromagneticamente seguros, que dispoñan de tecnoloxía de atenuación de campo.

10) Esixir que as instalacións eléctricas nas vivendas de nova construcción dispoñan das medidas idóneas que garantan unha mínima irradiación.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: