O material dobrado ou producido en galego distribuirase en 177 puntos de venda e ampliará a oferta audiovisual na nosa lingua.
Política Lingüística e a CRTVG asinaron un convenio para promocionar o audiovisual en galego polo que, nos vindeiros días, sairán á venda DVD na nosa lingua. Os títulos, que se distribuirán en 177 puntos de venda de todo o país, inclúen oito filmes dobrados pola Galega, a serie Planeta Fantasía, a longametraxe Os vixiantes do Camiño e a serie Historias de Galicia.
O acordo, segundo a secretaria xeral Marisol López, certifica "a importancia do sector audiovisual no proceso de normalización lingüística" e vai especialmente dirixido ao público infantil e xuvenil. Tamén destacou o papel da Televisión de Galicia como axente de "difusión da lingua galega".
A CRTVG comprométese a producir, promocionar e xestionar os produtos audiovisuais publicados, mentres que Política Lingüística achegará apoio e asesoramento técnico en materia lingüística e terminolóxica nas iniciativas relacionadas.