'Andalucía', de Alain Gomis recibiu os premios á mellor dirección e ao mellor actor. 'A jihad for love', mellor documental.
Esperando a Pasolini, baseada nunha historia real, narra a relación paixonal dun mozo de Uarzazat co director italiano durante a rodaxe da súa película Edipo rei en 1966. A rodaxe marcou a súa vida, e desde entón, mantén viva a esperanza de que regresará a reunirse con el, especialmente cada vez que un equipo cinematográfico italiano chega a esa cidade do sur de Marrocos. Corenta anos despois sabe da morte de Pier Paolo Pasolini. O filme obtivo o premio ao mellor filme árabe na 31 edición do Festival internacional de cine do Cairo.
A outra gran triunfadora da edición 2008 do Festival Amal foi Andalucía, do francés Alain Gomis, protagonizada por Samir Guesmi, que recibiu os galardóns á mellor dirección e ao mellor actor. O filme analiza a identidade euro-árabe.
No apartado de curtametraxe de ficción, as películas Abimbowé, do español Álex Montoya e Silent Night, da sueca Amanda Adolfsson, compartiron premio. O galardón ó mellor documental foi para A jihad for love, unha película estadounidense de Parvez Sharma, un homosexual musulmán que rodou en doce países e nove idiomas, correndo nalgún destes países verdadeiro risco por estar a homosexualidade prohibida e penada con castigos físicos e cárcere.
A coprodución franco-alxeriana A maison jaune, de Amor Hakkar gañou o premio especial Televisión de Galicia. O premio á mellor actriz foi atribuído a Elvira de Armiñán polo seu papel na película Bajo el mismo cielo, dirixida por Silvia Munt, e o premio especial do público para A Caravana do Manuscrito Andalusí, de Lidia Peralta. A mellor curta documental foi Borderlands, da sirio-palestina Sawsan Darwaza.