Non conseguiron vencer a dous dos equipos máis fortes da categoría, como son Perfumerías Avenida e Rivas Ecópolis.
O Extrugasa perdeu contra o actual líder da Liga Feminina, o Rivas Futura no que milita Tamara Abalde. A xogadora ferrolá levou a vitoria do pavillón de Fontecarmoa, no seu primeiro partido oficial en Galiza dende que o ano pasado marchara aos Estados Unidos. Extrugasa e Rivas Ecópolis disputaron un igualado partido que se decidiu a falta de tres segundos, cunha canastra de Jelena Dubjevic que puxo no marcador o definitivo 61 - 63. No equipo galego destacou Tamera Young, con 19 puntos, mentres que no Rivas as mellores foron Clara Bermejo e a propia Jelena Dubjevic, con 12 e 10 puntos respectivamente. Abalde tamén completou un bo partido, sumando 10 puntos e tres rebotes.
O Celta Indepo, pola súa parte, perdeu contra o actual subcampión da competición, o Perfumerías Avenida. As viguesas mandaron no marcador en todo momento, por mor do seu tino no tiro exterior, pero non conseguiron dosificar a vantaxe no último cuarto. Aquí apareceron as dúas grandes figuras do encontro, Gunta Basko e Willingham, que completaron a remontada do Avenida para rematar impoñéndose por 71 - 67.
Derrotas de Rosalía e Breogán
Na Leb Ouro os equipos galegos tamén perderon os seus encontros. Á derrota do Rosalía uniuse o sábado a do Leite Río Breogán, que perdeu por 61 - 78 contra o Valladolid no pazo dos deportes lucense. Os locais comezaron mal e cederon unha vantaxe de 11 puntos no primeiro cuarto. Dende ese momento o Valladolid adicouse a xestionar a súa diferenza, liderados polo pivote Robert Battle, que fixo uns espectaculares números con 25 puntos, 10 rebotes e tres asistencias.