Republicanos e demócratas á caza da estreita marxe de indecisos que puidera quedar nos estados onde a diferenza é máis pequena entre os candidatos.
O senador Barack Obama partiría con vantaxe ampla sobre John McCain na véspera da votación nos Estados Unidos. A vantaxe móvese entre o 53%-44% que lle outorga o último estudo do Washington Post até o 51%-46% da empresa de seguimento Rasmussen. En todo caso, e dado que a vitoria non se xoga sobre o total de papeletas recibidas senón polo reparto de delegados en cada un dos estados onde se vota, os cuarteis de cada un dos candidatos peneiran polo miúdo os prognósticos nas zonas onde as sondaxes marcan as diferenzas máis pequenas.
Así por exemplo, a campaña de Obama tense esforzado en estados como Virginia, Missouri, North Carolina e Florida, onde en 2004 votaran a prol da candidatura de George W.Bush. Nos catro casos, Obama aparece desta volta cunha vantaxe lixeira, e estatisticamente os analistas cualifican como "indecisos" os catro estados, de xeito que a confirmación dun cambio podería virar o resultado en 2008. O mesmo acontece en Ohio, onde os republicanos gañaran polo pelo dun carneiro hai catro anos e onde os 20 delegados electorais en xogo converten o estado nunha das talladas máis cobizadas na votación deste martes. "Vostedes pódenlle poñer fin á política que dividiu o país só para gañar uns comicios", afirmou Barack Obama nun mitin en Ohio esta fin de semana, "McCain non foi un independente, foi un cómplice", dixo en referencia ao apoio de McCain a Bush.
Segundo as previsións, arredor duns 130 millóns de electores acudirán ás urnas, dos cales estímase que un cuarto do total xa votou previamente. Trataríase dun récord de participación, con cotas non acadadas desde hai case cincuenta anos. Para gañar a presidencia, é necesario un mínimo de 270 votos electorais sobre o total posíbel de 538 repartidos entre todos os estados que conforman o país. Unha recente proxección elaborada pola CNN avaliaba que Obama podería conseguir até 291. Os primeiros datos que se coñezan en Ohio, Pennsylvania ou Florida poderían indicar con claridade quen é o vencedor.
As webs oficiais: