Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
33 ENCONTRO DA ICANN

PuntoGal promove en Exipto o dominio para o galego

Segundo o primeiro borrador de esixencias, poder optar as novos identificadores xenéricos podería custar 140 mil euros.

Redacción - 11:45 03/11/2008

Representantes da Asociación PuntoGal viaxaron esta semana á cidade exipcia de Cairo para participar no 33º encontro internacional da ICANN, a corporación que regula e concede novos dominios na internet. PuntoGal achegará a súa opinión e volverá promover que se autorice o dominio .gal para a lingua e cultura galegas.

Até o 7 de novembro debaterase sobre os novos dominios xenéricos e o funcionamento interno da organización. A ICANN dará a coñecer o borrador de requisitos para solicitar novos dominios, como o .gal, e estará aberta ás propostas dos arredor de mil participantes.

Prevese que poderán optar a dominios xenéricos as organizacións que demostren a súa capacidade tanto operativa como financeira para levar a cabo a operación de rexistro, garantindo a seguridade, estabilidade e operatividade do proceso. Tamén, para comunidades definidas, como é o caso da galega, a organización terá que demostrar fortes vencellos coa comunidade á que representa.

Ademais, haberá que aboar unha taxa de solicitude, que se estima duns 140 mil euros, aínda que a proposta final podería variar. A asociación PuntoGal está a traballar intensamente en cumprir cos requisitos. Durante a semana do encontro, entregaralles información aos asistentes sobre a iniciativa do dominio galego e intercambiará opinións cos candidatos doutras iniciativas lingüísticas e culturais.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: