Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Análise do conflito

O que pasa no Congo e a quen lle beneficia

García Botía afonda na cobiza polo control dun dos países máis ricos en materiais primas estratéxicas, agochada por tras dos intereses internacionais na zona.

José García Botía - 14:30 01/11/2008

Aqueles que seguimos certos conflitos internacionais durante anos conseguimos algunhas claves para entender o que pasa neles que facilmente non poden conseguirse. Debemos traballar sobre a hipótese de que só o futuro confirma ou desmente. Sabemos que as declaracións oficiais empréganse usualmente para desviar a atención sobre o que está ocorrendo en realidade, e forma parte do xogo empregar a mentira en determinados casos (e nisto como en todo hainos quen o fan máis que outros).

Os Comités de Solidariedade con África Negra seguimos de cerca a situación do Congo desde 1991. Sempre tivemos interese por ter contactos directos con relixiosos e relixiosas españois e con membros de organizacións locais de defensa dos dereitos humanos que nos contasen que é o que estaba pasando no país. Actualmente temos un grupo de contactos por diversas partes do Congo que nos informan dos acontecementos e entre eles temos contactos no Kivu que están vivindo o que aparece nas nosas pantallas de televisión.

Durante os anos 1998-2003 a situación de conflito no leste do Congo era moito peor que agora. De feito, o medo da poboación é que se repitan os acontecementos deses 5 anos nos que morreron uns 4 millóns de congoleses (a cifra que agora se baralla é de 5 millóns de mortos de 1998 até os nosos días). O sorprendente é que durante eses anos nos que Ruanda, Uganda e Burundi invadiron o Congo con cifras que en momentos eran de millón de mortos por ano, esta guerra permaneceu totalmente ignorada polos medios de información. Casualidade ou ignorancia? Os feitos vividos pola poboación congolesa aseméllanse moito ás atrocidades dos campos de concentración nazi. Ningunha guerra con tantos mortos tras a II Guerra Mundial. Por que foi ignorada polas grandes axencias de información que á fin e ao cabo son as que ditan que noticia internacional é importante e cal non?

Agora xorde a pregunta de por que están as cámaras mostrando o que ocorre. Estas axencias por agora informan das masas de desprazados que foxen das zonas ou cidades tomadas polo exército do señor da guerra Laurent Nkunda. Parece que o exército congolés é incapaz de frear o avance de Nkunda e xa que logo non é de estrañar que entre os dirixentes da política internacional xurda a idea de que a solución para evitar un derramamento de sangue masivo e unha situación humanitaria catastrófica sexa aumentar a cantidade de cascos azuis no terreo, pois os que hai tampouco lles parecen abondo. Algúns dirixentes europeos barallan a posibilidade de mandar unha forza de intervención rápida da UE para evitar a catástrofe. Persoalmente creo que a intencionalidade de facer que agora sexa noticia a situación humanitaria no leste do Congo débese a algún motivo oculto que non se fai público e que agora os que seguimos o conflito intentamos descubrir xogando a adiviños. Neste momento parece lóxico pensar que esas imaxes de masas de xente móstranse para xustificar un aumento de cascos azuis ou a intervención desa forza de intervención rápida europea na que posiblemente haberá un país que a liderará de forma clara (Francia, Bélxica?).

Sumamos a este punto as declaracións de Javier Solana a 29-10-2008 onde encomia aos cascos azuis (a misión de cascos azuis chámase MONUC) polo seu exemplar comportamento permanecendo nestes momentos tan arriscados sobre o terreo.

O contraditorio é que precisamente nestes días a poboación de Goma e Bukavu, as capitais de Kivu Norte e Kivu Sur, saíron en masa pedindo que desaparezan de chan congoleño todos os cascos azuis. Que sentido ten isto?

Outro elemento a ter en conta: nomeouse en setembro ao Tenente Xeneral español Díaz de Villegas ao mando da MONUC e o 27-10-2008, é dicir menos de dous meses despois e relacionado con todo o que está pasando, dimite do cargo. Alude a motivos persoais, pero realmente por que dimitiu?

Presunta implicación de cascos azuis cos rebeldes?
A información dos nosos contactos locais dan pistas para entender algúns aspectos. Comunícannos que hai moitos testemuños de persoas que viron a cascos azuis transferindo armamento ás tropas de Nkunda, é dicir a aquelas que están atacando á poboación local e os cascos azuis están entre outras cousas para protexer aos civís das torturas, violacións e asasinatos das tropas de Nkunda. Outros testemuños son de persoas que viron a cascos azuis traficando con ouro e outros minerais de alto valor. Cargando helicópteros da MONUC de minerais, helicópteros cuxo destino era a fronteiriza Ruanda (e Ruanda é quen creou e mantén a Nkunda). Outros asuntos similares son relativos a abusos sexuais de cascos azuis a nenas. Pero ben, podería dicirse que estes son exemplos illados digamos de corrupción de membros particulares da MONUC que non teñen que pór en cuestión ao comportamento da mesma como tal.

Pero chégannos acusacións máis graves. O comportamento da MONUC cando hai combates entre o exército congolés e as tropas de Nkunda: se son as tropas de Nkunda as que vencen no combate, entón a MONUC desaparece; con todo cando o exército congolés está en posición de vencer aparece a MONUC e interponse entre os combatentes freando o avance e evitando unha posíbel vitoria final das tropas congolesas. Outras veces o que fai a MONUC é facilitar o avance das tropas de Nkunda: a MONUC ocupa unha zona tampón entre ambos os bandos, supostamente para frear o avance de Nkunda. Pois en ocasións clave abandonou casualmente esa zona aproveitando as tropas de Nkunda a ocasión para facer un avance sen dificultade das súas posicións e tomando por sorpresa o exército congolés. Tamén se viu en diversas ocasións a Nkunda utilizando helicópteros da MONUC nalgúns dos seus desprazamentos.

Pero a situación que ocorreu xusto antes da dimisión do Tenente Xeneral Villegas podería ser quizais a pinga que colmou o seu vaso do tolerable. Ese mesmo día pola mañá as tropas de Nkunda tomaron por sorpresa a base militar de Rumangabo onde se atopaba boa parte do exército congolés. Foi por sorpresa porque as tropas de Nkunda ían vestidas con traxes da MONUC, e os congoleses, ao ver que a MONUC se achegaba estrañáronse, pero non reaccionaron. Os soldados de Nkunda, cando estiveron suficientemente cerca, abriron entón fogo sobre os congolses matando a bastantes e provocando unha estampida xeral. O asunto é que xa en xuño de 2004, Nkunda tomou a cidade de Bukavu empregando a mesma estratexia: vestindo os seus soldados de cascos azuis e transportándoos en vehículos da MONUC. Se fose un roubo de uniformes, o lóxico é que os mandos da MONUC alertasen o exército congolés de que as tropas de Nkunda ían disfrazadas de cascos azuis, pero non o fixeron nin en 2004 nin agora.

Hai un mes, membros do exército congolés interceptaron unha comunicación dun membro da MONUC que estaba chamando con urxencia a un mando do exército ruandés e pedíalle que desde Ruanda acudisen reforzos rapidamente en apoio a Nkunda porque o exército congolés estaba nunha posición de superioridade con respecto a Nkunda. Ademais neste tipo de ocasións, que foi máis dunha, a MONUC retírase dunha das zonas máis ou menos fronteirizas nas que está e por aí pasan as tropas ruandesas para incorporarse nas filas de Nkunda.

Non é de estrañar que se son certas estas acusacións que nos fan os congoleses que están sobre o terreo, o Tenente Xeneral Villegas opte por dimitir se ve que lle é imposíbel pór un pouco de cordura nesta situación e estar realmente ao mando das súas tropas. Os cascos azuis están favorecendo unha situación na que poderían perder a vida centos ou miles de civís inocentes.

Non é de estrañar tampouco que os congoleses conclúan que a función da MONUC é evitar que o exército congolés non poida vencer a Nkunda e que sexa este último en todo caso o que avance nas súas posicións. Pero a que vén esta lea? Estase xogando coa vida de miles de persoas coma se iso non contase para nada.

De fondo: a cobiza da riqueza en materias primas

Para seguir entendendo o conflito hai que saber que o Congo é un dos países máis ricos do planeta en recursos naturais, especialmente mineiros. Ouro, diamantes, cobre, cobalto, uranio, estaño e unha longa lista de minerais que posúe en cantidades descomunais, estando no seu solo as maiores reservas do planeta nalgúns deles. Especialmente é rico en minerais raros e estratéxicos: o caso máis coñecido é o do coltán, tan necesario para a fabricación de teléfonos móbiles, portátiles ou naves espaciais. O coltán posúe tantalio, que ten unhas características extraordinarias, pero é moi escaso no planeta e todo apunta a que as maiores reservas do planeta están precisamente no Congo, na zona de conflito. Se deixase de saír coltán do leste do Congo colapsaría a fabricación de teléfonos móbiles. Poderíase producir un colapso económico internacional, e máis nestes tempo de crise. O efecto que podería ter sobre as grandes multinacionais do sector das comunicacións podería ser catastrófico pois unha parada na cadea de produción tal e como están hoxe as cousas pode producir unha catástrofe rapidamente.

O perigo que representa o Congo para a economía mundial é que é potencialmente a China de África, e posúe as maiores reservas do planeta dalgúns minerais estratéxicos, e no caso do coltán sospéitase que case podería ser o monopolio. E pódense fiar tales temas económicos desta magnitude, cuxa repercusión pode ser tan grande na economía occidental en mans de calquera dirixente?

As cousas están en que o coltán e outros minerais importantes están saíndo do Congo a través de Ruanda (e tamén ouro por Uganda) desde 1998. E para as multinacionais tal e como están as cousas, o asunto funciona. Mellor é non tocalo. O problema está en que todos os beneficios desas cantidades enormes de minerais están enriquecendo o clan de Paul Kagame que en Ruanda ostenta o poder, que se encarga de manter milicias ruandesas de diverso tipo (unas de interhamwes hutus -si, si, estanse financiando as milicias interhamwe- e outras de tutsis como as de Nkunda).

Xa que logo as pretensións do Goberno congolés de cambiar as regras do xogo, alegando que chegou a hora de acabar con que o único "beneficio" que obtén o pobo congolés das súas riquezas sexa ter aos seus nenos e mozos traballando como escravos nas minas, o asasinato de civís, a tortura dos mesmos, a violación sistemática das mulleres, polas mesmas milicias que están sacando os minerais. É dicir que quere que os beneficios das minas sexan para os congoleses e non para o clan ruandés, e isto conta coa clara oposición dos traficantes que agora están controlando o mercado mundial do coltán e que ademais están en alianza co Presidente de Ruanda, Paul Kagame.

Así pois, atentar contra os intereses do clan dos traficantes e Kagame supón un risco demasiado alto (poderían colapsar o mercado internacional do coltán) para as grandes compañías ligadas ás telecomunicacións (non só os fabricantes de teléfonos móbiles, senón tamén para as empresas ligadas á telefonía). E que gobernante occidental está disposto a apoiar accións contra Kagame e os traficantes e asumir o risco que isto suporía para a economía?

Outro problema adicional está en que Kagame e o seu clan do poder ruandés, xogan moi forte. As súas tropas caracterízanse por accións especialmente sanguentas e crueis coa poboación civil. E sabedor da súa posición privilexiada esíxelle á comunidade internacional que todos os seus crimes sexan silenciados. El e o seu FPR (Fronte Patriótico Ruandés) fixeron auténticas carnicerías en chan ruandés e congolés. Asasinado por centos de miles de ruandeses, hutus sobre todo, e congoleses. E con todo, fanse esforzos ímprobos para pór a Ruanda como exemplo de desenvolvemento en África. Internacionalmente cóidase moito que a súa imaxe se manteña pulcra. Isto podería explicar como as súas tropas invadiron o Congo durante varios anos e provocaron millóns de congoleses mortos, e que o asunto non chegue a ser noticia na prensa internacional.

A viraxe cara a China acende alarmas nas potencias occidentais
Outro aspecto a ter en conta é que China quedou fóra deste xogo. China necesita devorar cantidades inmensas de materias primas para manter en marcha o seu tren de produción, e o Congo ofrece enormes cantidades desas materias primas a prezo moi interesante. O goberno congolés está nunha situación de debilidade extrema: non ten diñeiro, e a comunidade internacional non lle quere dar porque quere mantelo débil para que non intente cambiar as regras do xogo; o seu orzamento escaso non lle permite nin pagar os soldados que están na fronte, nin ás veces, abastecerlles de municións. Está disposto a ofrecer a China o que necesite se lle axudan. E aquí empezan os problemas.

Xa asinaron o Congo e China hai bastantes meses un contrato de concesión de cobre para China. A cambio China construiría dous aeroportos, hospitais, escolas e autovías. Un acordo de varios miles de millóns de dólares en forma máis ben de troco. Teñamos en conta que por mor da debilidade económica do Goberno congolés, este non é capaz de defender o seu territorio nin as súas propiedades, e actualmente as multinacionais europeas e americanas estanlle pagando ao Congo entre un 5% e un 12% das riquezas que declaran que sacan do país (ao que hai que sumar o que sacan clandestinamente pois o goberno non ten capacidade de control). Os chineses ofrecen un 30% do que saquen e isto causou pavor.

Durante estes últimos meses o goberno congolés sufriu fortes presións occidentais intentando obrigarlle a que rescinda os contratos que xa ten asinados con China, e no agosto pasado afirmou con rotundidade que os contratos asinados con China íanse a cumprir. E nos últimos días de agosto as milicias de Laurent Nkunda iniciaron esta ofensiva forte con apoio de Ruanda á conquista dos Kivus. E a MONUC está para vixiar os intereses da "comunidade Internacional" (ou mellor dito, neste caso dos EUA, Reino Unido, Bélxica, Holanda e outros) e en última instancia obedece as ordes de Alan Doss, o Representante Especial do Secretario Xeral de Nacións Unidas para a República Democrática do Congo, e de nacionalidade británica e xefe supremo da MONUC. Xa que logo a MONUC non está para protexer os civís, é a constatación máis clara dos congoleños, senón para protexer as regras do xogo, e se nun momento dado o Presidente de Ruanda esixe que a MONUC vaia a outra zona porque quere que algunhas das súas tropas se metan no Congo, a MONUC obedece estas ordes e vaise.

A situación ofrece algúns matices máis, que aínda que importantes quizais non sexa preciso explicar neste momento para non facer a análise máis complexa do que xa está exposto. Tamén hai outras claves importantes que nós ignoramos. Convén, no entanto, engadir un último punto. Quizais o máis perigoso (se o que valoramos son as vidas das persoas e non o control das materias primas), é que a "Comunidade Internacional" faga o que está facendo, en canto a apoiar a Kagame. Kagame caracterízase tamén pola súa ambición. Parece ser que hai un plan dun clan tutsi, no que el é un dos principais protagonistas, cuxo propósito é en primeira instancia partir o territorio do Congo. Ruanda quedaría cos Kivus, onde está entre outros minerais o coltán. Pero a ambición parece que non remata aí: o propósito é ampliar a súa zona de control tutsi cara ao norte en dirección a Kenia e cara ao sur. E se a "Comunidade Internacional" lle concede os Kivus que posúen unha riqueza abismal quen se oporá entón aos seus designios? Cantos millóns de mortos máis haberá no silencio nesta rexión de África mentres nós falamos cos nosos teléfonos móbiles? Xa vai a conta, entre Ruanda e Congo, posiblemente entre 7 e 9 millóns. Ou decidirán pararlle os pés a Kagame porque parece que quere ir demasiado lonxe?


José García Botía, membro dos Comités de Solidariedade coa África Negra – Umoya


Ligazóns

4,56/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: