Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ECONOMÍA

Mentres o índice de morosos non para de medrar, a banca gaña

Até setembro, o Banco Pastor gañou 170 millóns de euros e acadou unha taxa de impagos do 2,6%. Caixa Galicia conseguiu 250 millóns de ganancias e rexistrou un 2,4% de debedores.

Redacción - 11:45 31/10/2008

Aos poucos imos coñecendo estes días os resultados económicos das entidades bancarias ao peche do terceiro trimestre do ano. Os beneficios son a tónica dominante, se ben os ingresos non son tan superiores aos do ano anterior como adiantaban as previsións a comezos de ano. A Comisión do Mercado de Valores (CNMV) informou dos rendementos de Banco Pastor e de Caixa Galicia, que amosan comportamentos similares en canto a crecemento.

O Banco Pastor obtivo un beneficio atribuído de 169,9 millóns de euros até setembro, o que supuxo un incremento do 10,3% respecto ao mesmo período do ano anterior. A marxe de intermediación (a diferencia entre o que cobra polos préstamos e o que paga polos depósitos) acadou os 408,3 millóns (un incremento do 1,9%) e a marxe ordinaria situouse nos 693,2 millóns (avanzou un 26%). Ademais, viu aumentar un 4,1% os créditos a clientes (até 24.235 millóns) e os depósitos sumaron 14.304 millóns (un 7,9% máis que no remate do terceiro trimestre de 2007).

Pola súa banda, Caixa Galicia rexistrou entre xaneiro e setembro un crecemento menor (un 5,5%) e uns beneficios maiores, até os 250 millóns de euros. A marxe de intermediación medrou case un 9% e a marxe de explotación (que dá a medida da rendibilidade) avanzou un 26%, até os 532 millóns de euros. Ademais, globalmente, é a sexta caixa do Estado Español que máis cartos prestou a clientes, 36.967 millóns de euros e incrementou os depósitos un 13,3%, situándose como a segunda que máis aumenta esta partida.

Taxa de morosidade
No caso do Banco Pastor, o índice de morosidade situouse nun 2,6%, o que supuxo un incremento de 1,9 puntos porcentuais respecto ao mesmo período do ano anterior, cunha cobertura do 64,1% fronte á taxa do 261% coa que se contaba en setembro de 2007. A compañía destaca que o incremento na ratio de demora se viu acelerado pola crise financeira internacional e pola forte suba dos prezos das materias primas básicas, principalmente as enerxéticas.

En Caixa Galicia tamén se reflicte un incremento de máis dun punto na taxa de morosidade, situándose no 2,42%, fronte ao risco de impago do 1,27% do pasado mes de abril. Non obstante, a caixa subliña que esta taxa está por debaixo da media española e que o seu índice de cobertura é do 87,18% e o seu excedente de recursos propios elévase a 1.122 millóns de euros. Con todo, as dúas entidades bancarias aseguran que os seus resultados lles permiten afrontar con garantías o actual contexto económico.


Ligazóns

5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: