Os fogares ourensáns e lugueses están entre os que máis viron minguar a cota aforradora os últimos anos.
Galiza iniciou 2008 cunha cota de aforro bruto familiar de 5861 millóns de euros. Malia o lixeiro incremento no volume total desde o ano 2000, mirando os datos polo miúdo vese que a porcentaxe de aforro respecto á renda familiar dispoñíbel minguou un chisco nese período. Xa que logo, arredor de 14 de cada cen pesos para gastar foron á hucha nas casas do país.
Segundo os mesmos datos, saídos da última análise da Fundación das Caixas de Aforro (FUNCAS), se atendemos ás cifras individuais, o aforro familiar pasou en Galiza dunha media de 1.474 euros por habitante na altura do ano 2000 a un total de 2.148 euros ao final do ano 2007. Un incremento porcentual no aforro por habitante do 45,73%, por riba da media estatal. Así e todo, a cota de aforro bruto no país vista en relación ao Produto Interior Bruto, quedou en Galiza por baixo do 15% do PIB, con cifras próximas a Estremadura, Andalucía, Asturias, Castela e León ou Castela-A Mancha, lonxe dos números rexistrados á cabeza da lista por Baleares, Cataluña, a Comunidade Valenciana, Euskadi ou Navarra.
Debullando as cifras a nivel provincial, Ourense e Lugo aparecen o último ano na lista de pechacancelas no conxunto do Estado, á beira de Cáceres, Badaxoz e varias das provincias andaluzas. De xeito global, os autores do estudo consideran que se produciu un estancamento no ritmo de crecemento da riqueza financeira dos fogares no conxunto do Estado. Sinalan así que a redución do aforro financeiro a nivel estatal explícase non só polo endebedamento empresarial, senón tamén pola negativa evolución das contas familiares.