ICV e BNG quedan sós na Cámara baixa na intención por debater a creación dun marco normativo que fomente o transporte colectivo e o non motorizado.
"Obras, obras e máis obras", laiábase esta semana no Congreso o deputado de ICV Joan Herrera, recordando que por riba o actual goberno español reduce os requirimentos estabelecidos para as declaracións de impacto ambiental. Herrera manifestaba así a súa decepción polo rexeitamento das formacións parlamentarias en Madrid a debater a proposición de lei achegada polo seu partido.
Tratábase dunha iniciativa destinada ao impulso do transporte colectivo onde se propoñía definir con claridade directrices de mobilidade sustentábel e fomentar sistemas de transporte máis ecolóxicos. De xeito concreto pedíase por exemplo que os orzamentos de Fomento fixasen unha porcentaxe a oito anos que repartise de xeito equitativo o investimento en infraestruturas e en xestión da mobilidade. "Isto implica o divorcio do ecoloxismo político co ecoloxismo real", afirmou Joan Herrera, criticando que nesta lexislatura ás poucas iniciativas con ingrediente ambiental que chegan á Cámara "estanlle dando coa porta no nariz".
Os grupos maioritarios no Congreso, PSOE e PP rexeitaron o debate. No caso dos socialistas, o argumento foi o posíbel conflito de competencias con gobernos autonómicos. O PP sinalou como "contraproducente" a proposta de desviar orzamentos de infraestruturas na conxuntura económica actual. Mentres, os representantes de PNV e CiU argumentaron que Euskadi e Cataluña xa contan con normativas e iniciativas similares promovidas hai tempo polos seus respectivos gobernos. Finalmente, a proposta de ICV só atopou a receptividade do BNG, única formación que defendeu a toma en consideración da proposición de lei. Olalla Fernández Davila, asegurou que se trata dunha proposta "complexa" pola necesidade de que actúen as distintas administracións pero defendeu que a iniciativa se entende como "unha lei básica do Estado para despois orientala ás distintas administracións públicas".