Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Como afecta a crise ao sector do téxtil (IV)

"O cancro do sector é a deslocalización, e xa existía antes da crise actual"

Fabricación con métodos obsoletos, renuncia á elaboración de prendas de maior calidade, falta de vontade de artellar estratexias conxuntas por parte do empresariado... Un conxunto de factores lastran o sector.

Antía Rodríguez - 09:30 09/11/2008

"A situación que se está dando no sector non ten nada que ver coa crise económica: o verdadeiro cancro do téxtil, o problema maior, é a deslocalización", contoulle a Vieiros Dolores Martínez, secretaria comarcal do Téxtil da CIG na Coruña, unha zona na que a meirande parte das empresas deste sector traballan para outras marcas. "Dende o momento que as grandes firmas comerciais mandaron cadeas enteiras de confección para fóra, cando algunhas prendas se comezaron a confeccionar en terceiros países, comezou o peche de talleres no noso país", resume, drasticamente a sindicalista a situación que se está a vivir nas comarcas do norte de Galiza.

E cando un taller pecha, quedan sen traballo unha media de 20 traballadores. Para Martínez "a cousa está así, están pechando pequenas empresas dunhas 17 empregadas fixas descontinuas, mais xa con anterioridade foron a pique os postos eventuais", o que é abondo significativo, nun sector no que traballan 21.200 persoas (os últimos datos son de 2005), das cales o 54% son eventuais, e un porcentaxe elevado son fixas descontinuas, é dicir, que poden terminar o ano traballando só (e cobrando só) 20 días, porén, a Seguridade Social e máis o INEM cualifícanas de traballadoras fixas. Se sumásemos as empregadas fixas descontinuas ás empregadas con contrato temporal, a porcentaxe de eventualidade no sector podería chegar ao 80%.

Facendo "despedimentos silenciosos"
Daquela, que acontece coas traballadoras que están nesta situación? Dolores Martínez sinala que "non son despedidas, non van ao paro directamente, polo que non computan, pero non é normal que a estas alturas do ano moitas das empregadas nin sequera tiveran traballado un só día. Estes postos de traballo non se cuantifican, pero son consecuencia directa da deslocalización. A empresa vai aos poucos desfacéndose delas, a custo cero e sen conflito", subliñou Martínez, ao tempo que puña un exemplo: "Camisas, en Alvedro (A Coruña) é unha taller de confección sen marca propia. Hai dous anos tiña traballando directamente a máis de 30 persoas; hoxe quedan 10 ou 12. Oficialmente non houbo peche, mais na práctica si", detalla.

O que demandan os empresarios do sector é axudas da Xunta para rregular o traballo, é dicir, presentar ERE (Expedientes de Regulación de Emprego) para o seu cadro de traballadores. Neste sentido, Martínez salienta que o Goberno "o único papel que xoga é a efectos de admisión dos ERE; e xunto coa administración española, apoian as empresas a costa de xerar desemprego no noso país. Este é outro dos principais problemas do sector".

"O que están a facer os empresarios", conclúe Martínez, "son despedimentos silenciosos, argumentados no poder da competencia do mercado asiático, e con isto procuran un maior marxe de beneficios. Porén, as empresas máis prexudicadas son as subcontratas dunha marca principal, que é quen decide a que taller lle dá traballo. Caramelo, por exemplo, decidiu en xullo deste ano non darlle traballo a un taller onde estaban empregadas 17 persoas, e os afectados foron eses 17 traballadores".

"A estas alturas xa se fixo unha importante reestruturación no sector"

No sur do país a cousa é diferente, porque moitas das empresas do téxtil traballan, ademais, para a automoción (confeccionando os asentos ou as alfombras dos automóbiles), un dos sectores que máis está a sufrir a crise no noso país. Moitas destas empresas contratan a maioría dos seus empregados a través de ETT (Empresas de Traballo Temporal), ou senón practican a contratación directa, mais, outra vez, con contratos fixos descontinuos. "As cousas están agora así", di Luciano Villar, secretario federal de Téxtil da FAGMT-CIG, "as empresas que teñen traballadores contratados a través de ETT, despídenos, e manteñen os traballadores fixos, mais moitas delas están negociando os ERE, ou arranxando baixas incentivadas".

"Como moitas empresas son subcontratas, e as empresas matriz están levando o traballo para fóra -hai unha clara deslocalización, sobre todo aos países asiáticos-, onde é máis barato producir, o que queda en Galiza son oficinas dedicadas á loxística, ao deseño e á xestión da empresa, o que significou unha forte redución no cadro de traballadores. Por outro lado, as empresas que teñen marca propia deixaron os controis de calidade e as seccións relacionadas aquí, e tamén algúns produtos; e os segundos produtos, os de menor calidade comezaron a fabricalos fóra. Por exemplo está Selmark, que fai na China e en Portugal a meirande parte das súas prendas, porén, deixou un grupo de traballadores en Galiza facendo as prendas de máis calidade, mais con moi pouca produción", sinalou Villar.

Nesta situación, segundo Luciano Villar, "ten que chegar un momento no que todo se estabilice, no que se faga a 'correspondente limpeza', e que se fagan os axustes precisos buscando a máxima rendibilidade", é dicir, que se deslocalice a produción enteira.

"Os traballadores do sector están resistindo todo o que poden, mentres se van perdendo, lentamente, postos de traballos. Aínda que a maior parte da reestruturación xa se fixo, queda unha parte por regular, e se lle engadimos o problema da crise financeira que estamos a vivir, podemos dicir que é imprevisíbel o que poderá acontecer no sector o ano que vén".

Polo investimento na innovación
No tocante ás axudas monetarias que a Xunta, a través da Consellaría de Innovación e Industria, lle está a ofrecer ao lector, Villar pensa que "non van ter efecto", porque "consisten en regular temporalmente o emprego", mais para a CIG o que fai realmente falta é garantir a seguridade dos traballadores, de tal xeito que, se teñen que ir ao paro, teñan a garantía de cobrar o cento por cento do seu salario, e que non o perdan se a empresa pecha. Por outra parte, segundo Villar, tamén é importante deseñar un plan de formación para os operarios dos talleres, de tal xeito que, mentres non traballen, estean en continua formación, preparándose para futuros postos "relacionados coa investigación, a innovación e a modernización do sector". "Arestora estase fabricando con métodos moi estancados, que non evolucionan como deberían, cousa que sería fundamental para aumentar a calidade e competir coa man de obra barata".

Unhas condicións de traballo que teñen moito que mellorar

"Neste sector existe un convenio colectivo moi deficiente, que non consegue chegar ás mínimas aspiracións para considerar estes postos de traballo dignos, estou falando tanto de cuestións salariais como de xornada laboral e de categorías profesionais", sinalou Villar, subliñando, ao tempo, que os traballadores do téxtil chegan a facer "xornadas interminábeis, con salarios baixísimos e sen ter dereito a pertencer a unha categoría profesional axeitada ás súas características, porque, aínda que moitas traballadoras sexan especialistas cualificadas, terminan por ter o posto de auxiliar". Con estas condicións de traballo, hai moi poucas profesionais que queiran continuar traballando no sector, "se poden, non traballan no téxtil, procuran outro posto co que poder chegar a fin de mes", salienta Villar.

Na actualidade, segundo o convenio, o salario base das traballadores d téxtil é de 738,75 eurs, máis tres pagas ao ano. Cada quinquenio, recibirían o 3% salario base, pero como case todas teñen contratos eventuais de campaña ("fraudes de lei" para Dolores Martínez), non se lles respecta a antigüidade, e como non van ao paro, "ninguén cobra un peso máis por deemprego", conclúe a sindicalista da CIG.

Tería utilidade a creación dun Clúster do Téxtil?

Para Luciano Villar, o Clúster do Téxtil, que leva dous anos parado, depende totalmente da patronal "e da visión que teñan da súa utilidade". Porén, para o sindicalista, se os empresarios "tivesen un pouquiño de sentido de país e coñecen as peculiaridades de Galiza, beneficiaríanse das vantaxes de estar baixo unha mesma patronal, dunha agrupación de empresas", neste sentido, para Villar tamén sería boa a creación do Clúster para os traballadores no tocante ás "negociacións do convenio colectivo, porque agora negociámolo a nivel estatal, e existen unha chea de patronais (a de confección, a de punto, a de seda, algodón, alfombra, fibras diversas...), co que é máis complicado chegar a un consenso. Porén, en Galiza só temos os subsectores de confección e de xéneros de punto; a súa unión sería unha boa alternativa para sacar adiante o sector, en colaboración coa administración".


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Luciano Villar e Dolores Martínez, nunha xuntanza coas traballadoras do téxtil / Imaxe: CIG
Luciano Villar e Dolores Martínez, nunha xuntanza coas traballadoras do téxtil / Imaxe: CIG
As traballadoras do téxtil en Galiza, nunha xuntanza cos responsábeis do sector da CIG / Imaxe: CIG
As traballadoras do téxtil en Galiza, nunha xuntanza cos responsábeis do sector da CIG / Imaxe: CIG