Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O goberno español rexeita a iniciativa

Sen compensación para os municipios aos que lles recortaron ingresos polos encoros

O senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, insiste en que hai ferramentas legais, pero o executivo español négase a atender os municipios onde recualificaron o valor catastral dos encoros.

Redacción - 09:00 28/10/2008

O senador nacionalista Xosé Manuel Pérez Bouza solicitara do goberno español que se estabelecese algún tipo de compensación para os concellos afectados polo Real Decreto polo que se aproban as normas técnicas para valorar os Bens Inmobles de Características Especiais (BICES). Pérez Bouza, lembrou que esta nova forma de cualificación "diminuíu a valoración catastral dos grandes encoros" afectándolles gravemente aos orzamentos de moitos municipios especialmente en Galiza.

En resposta á pregunta formulada polo senador, o goberno español apela ao artigo 9 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto da Lei Reguladora das Facendas Locais, e argumenta que "dado que non hai previsión legal que estabeleza compensación ningunha para este tipo de actuacións, e que os novos valores catastrais non constitúen un beneficio fiscal", a redución de estes, "non pode ser obxecto de compensación".

En contraposición, a posibilidade que ofrece Madrid é que os concellos incrementen o gravame do Imposto de Bens Inmobles (IBI) para os Bens Inmobles de Características Especiais (BICES), entre os que se atopan os encoros, até o máximo permitido, o 1,3%. Un instrumento, que como lle recorda Pérez Bouza ao goberno español "xa foi utilizado de forma xeneralizada polos concellos galegos". O senador do Bloque cualificou de "argumentos legalistas" os utilizados para xustificar o pau. "Intentan xustificar a súa negativa a compensar os concellos afectados negativamente por esta nova valoración saíndose pola tanxente", laiouse o ourensán.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: