Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
SENTENZA

Un xulgado nega o dereito a devolver o Windows

Rexeita a denuncia do profesor catalán Paco Rivière, que mercara un portátil no ano 2005 e solicitara o reintegro do importe do sistema operativo, por non usalo.

Redacción - 09:00 24/10/2008

O profesor catalán Paco Rivière pedira que lle devolvesen os cartos do Windows que viña preinstalado no seu portátil, por non querer usalo. Para iso, levara perante os tribunais tanto a tenda como os fabricantes do computador e do sistema operarativo. Porén, a xuíza non lle deu a razón e condenouno a pagar as custas procesuais.

Segundo a sentenza, "trátase realmente dun empeño en separar o equipo do sistema operativo, dunha loita persoal contra Microsoft, pola que o demandante iniciou unha cruzada". Rivière, profesor nun instituto, mercou no ano 2005 un portátil da marca Samsung nunha tenda da cadea PC City.

A sentenza fíxose pública estes días, aínda que as partes xa a coñecen dende hai unhas semanas. Rivière decidiu apelar a decisión. Os demandados argumentaron que non lle devolveran os 250 ao profesor porque fixera un "uso antisocial do seu dereito". Ademais, a resolución di que no mercado se podían mercar computadores sen Windows, a pesar de que Rivière asegura que naquela época era imposíbel.

O ditame da xuíza tamén segue o argumento dos fabricantes de que o sistema operativo e mais o computador son un único produto, aínda que a licenza de Windows permite "devolvelo nun prazo de 30 días", asegurou o profesor. A sentenza foi moi criticada dende o mundo do software libre, que considera que a venda de hardware e software nun só paquete é unha imposición ao usuario. Ademais, noutros estados europeos é perfectamente posíbel devolver o sistema operativo -e recuperar o seu importe- se non se vai usar.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: