O responsábel da escola de Telecomunicacións analiza a situación das novas tecnoloxías no país.
Natural de Seixo, Marín, Xosé Manuel Pousada dirixe dende o ano 2003 a Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, á que leva vencellado dende 1991. Tamén dirixe unha Mestría en Telemática no Instituto Universitario Gastón Dachary de Posadas (Arxentina).
Vieiros: Como valora a contribución do seu centro ao desenvolvemento da Sociedade da Información en Galiza?
Xosé Manuel Pousada: A valoración é moi positiva, en especial polas dúas razóns seguintes: da Escola saíron máis de 2.100 titulados dende o ano 1990, maioritariamente galegos. Unha boa parte desta xente está a traballar en empresas galegas e podemos supoñer que en tarefas relacionadas coa Sociedade da Información. Ademais, os máis de 140 profesores que a día de hoxe, desenvolven o seu labor docente na Escola tamén fan investigación. Esta investigación xa sexa en radares, antenas, televisión, radio, electrónica, internet, computación ou até a bioenxeñería tamén está relacionada coa Sociedade da Información. Polo tanto, non cabe outra resposta que a Escola de Enxeñeiros de Telecomunicación da Universidade de Vigo está a contribuír dun xeito vital ao desenvolvemento da Sociedade da Información en Galiza
Como se pode superar a desigualdade que provocan no país as súas pecularidades orográficas, á hora de estender os servizos de telecomunicación?
Certamente, a orografía galega éche ben complexa, e esta dificultade non axuda precisamente a que as telecomunicacións cheguen a todos os sitios. Nestes últimos anos estase a traballar nesa dirección e vaise conseguir. O problema non deixa de ser económico, penso eu. Dende as Institucións, a Xunta neste caso, estanse a tomar medidas coido que acertadas, se ben é verdade que sempre se poderían facer máis cousas. Penso que as empresas, especialmente os operadores, deberían de arriscar un pouquiño máis e non pensar só en termos de rendibilidade.
Que medidas propoñería vostede para favorecer o acceso ás telecomunicacións?
Dicía antes que as empresas deberían de investir un pouco máis. Seguramente, a solución está en que a Xunta e os operadores traballen xuntos, e non que uns estean á espera de aproveitarse dos investimentos que fan os outros. Neste sentido, Retegal, como encargada de levar os sinais de TV ata o último recuncho do país, podería xogar un papel fundamental converténdose nunha especie de operador para operadores.
Que opina sobre o proceso de implantación da TDT? Cre que se cumprirán os prazos?
Galiza é pioneira no que ao apagón analóxico se refire. O proceso estase a facer razoabelmente ben e non teño dúbidas ao respecto. Cumprir os prazos nas grandes obras sempre é difícil, pero seguro que se consegue.
Que opinión ten do Plan Estratéxico Galego da Sociedade da Información da Xunta na construción dunha sociedade do coñecemento?
Teño unha opinión positiva polos cartos que se destinaron e polas accións que se están a levar a cabo. A única dúbida que teño é sobre a súa duración. No mundo das TIC tres anos son unha eternidade: o que hoxe representa unha novidade mañá xa é vello. Supoño que terá mecanismos de revisión que permitar facer cambios de rumbo, de ser necesarios, que veñan marcados pola propia evolución das TIC.