Liu Zihua foi número dous do consistorio entre os anos 1999 e 2006. Xestionou a construción dos recintos nos que se celebraron os pasados Xogos Olímpicos.
O Tribunal Popular Intermedio de Hengshui, vila próxima a Beixín, foi o encargado de emitir a sentenza que condena a morte a Liu Zhihua. Ao antigo tenente alcalde da capital chinesa acúsano de abusar do seu poder como responsábel de obras públicas, repartindo licenzas e concesións de forma interesada. Calcúlase que entre 1999 e 2006 Zhihua puido recibir máis de 700 mil euros, ademais de diversos regalos de gran valor. Entre as obras máis importantes que xestionou Zhihua están o parque tecnolóxico de Zhongguancun e, sobre todo, as instalacións nas que se celebraron os pasados Xogos Olímpicos.
A sentenza recolle a posibilidade de demorar a súa aplicación en dous anos. Este período pode xogar a favor do antigo edil, xa que a pena de morte podería ser conmutada por cadea perpetua se ten un bo comportamento durante a moratoria.
Controvertida vida privada
No ano 2006 deixou a administración local, e o pasado mes de xuño foi expulsado tamén do Partido Comunista chinés. O principal motivo foi a súa controvertida vida privada. Luxosos hábitos e frecuentes idilios sentimentais afastábano da filosofía imperante no seu partido.